Vigo vai ser a vindeira
sede da xuntanza Lenguando,
un encontro para entusiastas da comunicación no que se dan cita
centos de profesionais da linguaxe. A de Vigo será a sexta
convocatoria do evento, logo das edicións de Madrid, Valencia,
Londres e Logroño, e celebrarase os vindeiros 7 e 8 de febreiro. O
encontro, coma nas anteriores achegas, abordará os diversos aspectos
da comunicación e a lingua “cun espírito híbrido”, ou sexa,
“dacabalo entre as industrias tradicionais da lingua e o enfoque
innovador”. Haberá
relatorios e obradoiros, profesionais da comunicación, a
edición, a tradución, a publicidade, a creación e a docencia. Por
temas, as novas tecnoloxías e as novas técnicas da comunicación
serán en boa medida os alicerces. Tamén se falará de escritura
narrativa, ferramentas tecnolóxicas de corrección, modalidades de
interpretación, ensino de lingua, etc.
Nas vésperas do evento,
o día 6, celebrarase unha xornada intensiva de formación en
creación publicitaria e un maratón de práctica interpretativa que
servirán de preludio ao congreso dos días 7 e 8. Entre os relatores
atópanse o comunicador Javier Cebreiros, o tradutor Xosé Castro, o
escritor Santiago García-Clairac e o presidente de Wikimedia España
Jorge Sierra. Tras a organización de Lenguando atópase Molino de
Ideas, empresa de tecnoloxía lingüística, e a tradutora afincada
en Vigo Leticia Robles Soneira de Oui Translations.
Ningún comentario:
Publicar un comentario