Estudantes de 4º da ESO demostran o "elevado poder simbólico e emocional" que ten para eles o uso desta variedade do galego, nun estudo de Ana Iglesias Álvarez, profesora da Universidade de Vigo.
No seu estudo 'Castelanismos e galeguismos. A súa relación co estándar', publicado na revista Estudos de Lingüística Galega, da Universidade de Santiago, a profesora Iglesias Álvarez conclúe: "A maior parte dos planificadores do proceso de estandarización do galego, ao defenderen unha ideoloxía purista, sitúanse na cultura da monoglosia ou ideoloxía da estandarización, que conduce a solicitar a converxencia cara á variedade elevada á categoría de estándar, en detrimento das diferentes variedades dialectais, englobadas polos falantes baixo a etiqueta xenérica de castrapo. Así, a súa sobrevaloración dos castelanismos (léxicos) no galego tradicional (castrapo) provoca que se acentúen as diferenzas entre este e a variedade estándar, mentres que no caso do castelán, ademais, acontece á inversa: tende a minimizarse a distancia existente entre o castelán de Galicia —con todos os seus galeguismos— e o castelán estándar (peninsular)".
E se ben os galegofalantes obxecto da súa investigación (alumnado de 4º da ESO) "reproducen en parte esta ideoloxía purista, sobre todo no que respecta á importancia outorgada aos castelanismos léxicos no seu galego (castrapo)", comprobou que "desde unha perspectiva heteroglósica defenden o mantemento dun repertorio plurilingüístico e pluridialectal, o que lles permite presentar a súa variedade tradicional como «lexítima» para os usos familiares e coloquiais".
Para estas novas xeracións de galegofalantes, o castrapo —que definen na súa maioría como o "galego con influencias do castelán no léxico"— "é a variedade «auténtica»", a que "contén valor simbólico, fronte ao estándar, ao que asignan un valor puramente instrumental (variedade para ser usada nos contextos máis formais e públicos)", argúe a investigadora da Universidade de Vigo.
Para a súa análise, Iglesias traballou con alumnos de 4º da ESO de entre 15 e 17 anos, escolarizados na última fase, ata o seu momento, do proceso de estandarización da lingua galega, "a que comeza coa aprobación en 2003 da coñecida como «normativa de concordia», que consensúa as opcións ata daquela en pugna (mínimos e oficial) e continúa vixente na actualidade, tamén chamada «normativa de consenso»", explica a autora. Trátase, polo tanto, de "individuos que xa non viviron en primeira persoa o debate normativo e dos que en consecuencia podemos esperar unha visión do estándar galego como variedade máis consolidada que en xeracións anteriores".
No estudo traballouse con dous grupos nun hábitat urbano (a cidade de Pontevedra), tres en vilas (un en Vilalba e dous en Caldas de Reis) e dous no hábitat rural (Guitiriz e contorna, por unha parte, e zona de Cuntis, Portas e Moraña, pola outra). "Isto permitiunos acceder a representantes dunha ampla variedade de perfís sociolingüísticos: desde monolingües en castelán ata monolingües en galego, pasando por diferentes tipos de combinación de ambas as linguas", indica a investigadora.
"O castrapo é a variedade lingüística que se transmite na familia e constitúe a lingua materna ou inicial destes falantes".PODER SIMBÓLICO E EMOCIONAL
Entre o alumnado galegofalante que participou na investigación atopuse "unanimidade á hora de caracterizar a súa forma de falar pola presenza de castelanismos léxicos", como revela a seguinte selección de extractos das conversas recollidas pola investigadora: 1) “Eu por ejemplo nunha frase podo dicir tres palabras en castelán e tres en galego aínda que sea galegofalante”; 2) “Aquí en galego por cada tres palabras que soltamos dúas delas son castelanismos”.
En xeral, Iglesias atopou que "o castrapo é a variedade lingüística que se transmite na familia e constitúe polo tanto a lingua materna ou inicial destes falantes, con todas as implicacións identitarias e afectivas que isto supón". Así, a profesora encontrou que os estudantes se refiren a esta variante como “galego da familia, galego dos meus pais, galego de toda a vida”. Polo tanto, Iglesias conclúe que se trata dunha "variedade dentro do galego", pero non unha variedade máis, senón unha variedade cun "elevado poder simbólico e emocional".
Pero no mantemento do castrapo tamén pesan moito outros factores, "a comodidade e o hábito e incluso ás veces o descoñecemento, aínda que en xeral o alumnado participante recoñece que o uso dos castelanismos se debe máis a unha falta de interiorización que á ignorancia", describe a autora do estudo. Proba disto é que os alumos "son quen de poñer numerosos exemplos nos que exemplifican como na súa fala cotiá espontánea «escollen» os termos non estándar, mais saben indicar cales son os termos normativos correspondentes. Esta falta de interiorización da variedade normativa acentúase debido ao seu escaso contacto con ela", continúa a investigadora, quen engade: "De aí que por unha parte cualifiquen o castrapo e, polo tanto, o que eles falan, como incorrecto, «que non está ben dito», e por outra, en cambio, intenten reivindicalo e rexeiten a súa cualificación de incorrecto, por exemplo por parte do profesorado".
Así, os novos galegofalantes "néganse a aplicarlle ao castrapo adxectivos pexorativos como «vulgar»", impostos dende os posicionamentos máis ortodoxos e puristas. Contra esa imposición ideolóxica, e "co fin de desfacer a contradición na que eles mesmos incorren con respecto á corrección ou non do castrapo, introducen a diferenza entre as variedades en función do grao de formalidade e o tipo de ámbito (público ou privado)", explica a profesora da Universidade de Vigo, que tamén atopou mozos que "amosan unha clara vontade correctora, no sentido de converxencia cara ao estándar na súa fala cotiá, aínda que son posturas minoritarias".
Polo tanto, os novos galegofalantes xustifican o castrapo como "unha variedade diafásica coloquial e, en consecuencia, totalmente lexítima para ser empregada nos usos cotiáns espontáneos da lingua".
Deste xeito, "mentres o galego estándar é unha variedade homoxénea (común e supradialectal), o castrapo inclúe as diferentes variedades dialectais máis os castelanismos léxicos, en diferentes graos", esclarece Iglesias.
A profesora detalla que o castrapo que usan os novos galegofalantes caracterízase principalmente pola "presenza de castelanismos léxicos", pero tamén "por trazos dialectais, sobre todo pola gheada", característica fónica moi criticada nos discursos públicos máis puristas, malia que "é cuestionable que teña a súa orixe na lingua dominante".
"A variedade que desempeña para eles a función simbólica é o castrapo, mentres que a variedade estándar cumpre só unha función instrumental".Segundo Iglesias, "os galegofalantes demostran ter interiorizada a ideoloxía purista que os planificadores difundiron con respecto ao galego, de xeito que nos seus discursos metalingüísticos o tema dos castelanismos acada grande relevancia, nalgúns casos expresado de maneira moi semellante á dos discursos públicos [...], ata o punto de que necesitan recorrer a unha etiqueta diferente para identificar o seu galego oposto ao estándar".
Non obstante, a investigadora aclara que "isto non significa que os falantes asuman todas as implicacións que a ideoloxía purista e de calidade da lingua intenta impoñer, no sentido de abandonaren a súa variedade dialectal en función da variedade estándar", pois "a variedade que desempeña para eles a función simbólica é o castrapo, mentres que a variedade estándar cumpre só unha función instrumental, isto é, para ser usada nos contextos máis formais, que en realidade son moi escasos, polo menos na franxa etaria estudada", dilucida.
PURISMO VS VARIEDADE
Nunha comparación entre os enfoques sobre o uso de castelanismos no galego e de galeguismos no español que se fala en Galicia, Iglesias observa que existen criterios diferentes. Así, "cando se fala do castelán de Galicia, rexéitase aplicar o termo «interferencia» aos galeguismos que o definen", mentres que "cando se fala da calidade lingüística do galego, insístese reiteradamente na abundancia de castelanismos, denominados «interferencias», «deturpacións», «solucións espurias», «formas foráneas» [para cualificar o «mal galego], en oposición a «voces patrimoniais galegas», «vocábulos autóctonos», «solucións propias» ou «formas propias» [para referirse ó «galego auténtico»]", describe a profesora.
"Os planificadores do galego están a reproducir as estratexias e os discursos puristas aplicados ás linguas dominantes".Na opinión de Iglesias Álvarez, baixo este tipo de afirmacións que diferenzan o galego bo do malo, "está actuando a ideoloxía que reduce a lingua á norma estándar, de acordo coa cultura monoglósica e a ideoloxía da estandarización". E neste proceso, "os planificadores das linguas minorizadas e, no caso concreto que nos ocupa, do galego, o que fan é imitar e reproducir as estratexias e os discursos puristas aplicados ás linguas dominantes", considera a profesora da Universidade de Vigo.
Nas súas conclusión, Ana Iglesias Álvarez recomenda "modificar os esquemas conceptuais impostos pola cultura monoglósica" para elaborar "un novo discurso no que os galegofalantes tradicionais e o seu castrapo teñan cabida tamén na calidade da lingua".
"Se provocamos que os galegofalantes se sintan excluídos do proceso de estandarización da súa propia lingua, dificilmente imos ter éxito non xa na difusión do estándar, senón no propio mantemento e recuperación de falantes", argúe a profesora. Por iso, considera necesario "potenciar a variación diafásica e o dominio dun amplo repertorio lingüístico, de xeito que os falantes poidan escoller entre diferentes opcións segundo os contextos".
"Desta maneira, poderemos ser «puristas» con respecto á variedade estándar pero sen a concibirmos como a única lexítima", e sen que isto sexa incompatible coa "esixencia nos usos públicos e formais dun estándar coidado", pero "sempre sen excluírmos da lingua de calidade os galegofalantes tradicionais e o seu castrapo", conclúe a investigadora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario