O pasado mes de abril o
Concello de Pontevedra abría unha canle para conectar dous mundos
mediante un proxecto ben interesante: Memoria
en rede, unha idea que unificaba a
tecnoloxía e a memoria. Dito doutro
xeito, servíase das novas novas tecnoloxías para ir á procura da
memoria perdida, entendendo por isto último: historias, lendas,
vivencias, en definitiva, vidas… Memoria
en rede botaba a andar na parroquia de
Mourente e agora volta cun “proxecto redeseñado e adaptado”
segundo anunciaba o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alberto
Oubiña. Nesta segunda quenda a Memoria
en rede, que comezará en setembro,
chegará á parroquia de Lérez.
Así, desta volta a Memoria en rede terá
unha dupla versión: Cerdeiras e Carballos. As
Cerdeiras, para aqueles con menos coñecementos (ou ningúns)
dispostos a aprender e a tentar participar no proxecto. E os
Carballos, para persoas con algúns coñecementos
informáticos que farán un pequeno repaso ao comezo do curso para
ir ao miolo do proxecto: recuperar a memoria.
Con esta Memoria
en rede perséguese, amais de achegar
as persoas á informática, que todas as historias contadas polos
participantes fiquen á disposición do público xeral nun blog
no que se poderán ler e engadir comentarios de experiencias
partilladas ou impresións persoais. Memoria
en rede comezará os días 19 de
setembro en Lérez e o 20 de setembro en Mourente.
Para aquelas persoas interesadas, os horarios serán
os seguintes: luns e mércores, en Lérez; e martes e xoves en
Mourente. De 16:15 a 18:15 horas, curso básico (Cerdeiras) e
de 18:30 a 20:30 horas, o curso intermedio (Carballos). A
distribución horaria das Cerdeiras será de 40 horas
aprendendo e 10 horas de práctica. E nos Carballos,
xustamente á inversa: 10 horas repasando e 40 horas recuperando
(con voz gravada, textos, imaxes escaneadas, vídeos…).
Para inscribirse é preciso chamar en horario de
mañá ao teléfono do Concello 986 80 43 00 e premer a extensión
7107. Aí, indicarase o nome e apelidos e o teléfono de contacto.
Ou ben, acudindo pola alcaldía do Concello. Hai 15 prazas por
curso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario