xoves, 8 de setembro de 2016

A Mesa propón aos partidos que concorren ao 25S seis medidas a prol do galego

A Mesa propón ás formacións que concorren as eleccións unhas propostas concretas, sen apenas custos e asumíbeis que axudarían “reverter o proceso de substitución lingüística que padece o noso idioma”. 

A Mesa pola Normalización Lingüística propuxo aos diferentes partidos que concorren ás eleccións do 25 de setembro seis propostas que teñen como finalidade “que por fin se actúe para reverter o proceso de substitución lingüística que padece o noso idioma”. Son medidas que, en palabras de Marcos Maceira, presidente da Mesa, son “asumidas por todas as forzas políticas e sociais, moitas xa recollidas en acordos nacionais como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou en tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas”. Que as organizacións políticas asuman estas 6 medidas sería toda unha declaración de intencións e compromiso destas para co idioma propio do país.
“Temos como punto de partida a Carta Europea e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade, cuxa elaboración contou coa participación de case 1000 persoas representativas de todos os sectores sociais, de todas as ideoloxías e tendencias, con 445 medidas concretas, das cais, consideramos que 6 se poden comezar a aplicar de xeito inmediato, e máis cando todos os estudos demostran que é urxente facelo”, engadíu Maceira.
Cumprir
A recuperación do papel normalizador da CRTVG, un plan de choque para recuperar o galego no ensino, accións claras e concretas no ámbito das administracións públicas incluíndo xustiza e saúde, os transportes públicos, acordos para a recepción mutua  do sinal da Radio Televisión Portuguesa e a TVG, e o condicionamento das axudas públicas á utilización da lingua galega. Eis esas seis propostas que A Mesa pon sobre a mesa.
Segundo explicou Maceira, “son medidas sinxelas, con apenas custe e que só poden ter un efecto positivo”, engadindo que “non son todas as medidas que o noso idioma precisa, mais si, de entre elas, as que a administración galega pode pór en funcionamento con máis urxencia”. Lembrou, ademais, que as multitudinarias mobilizacións nestes anos en defensa do galego apontan a que a maioría da sociedade apoia este tipo de compromisos a prol do idioma.
Debate público
A Mesa pola Normalización Lingüística tamén chamou os partidos a debatiren sobre a lingua publicamente, na televisión e na radio, “para que coñezamos as súas propostas para reverter a situación do galego”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario