A Xunta de Galicia e a Confederación Galega de Asociacións de Nais e
Pais (Confapa) non contemplan "a posibilidade nin a necesidade" de que
os alumnos leven a súa comida nun táper á escola, ante o incremento de
prazas gratuítas nos comedores e para evitar a segregación.
Fontes
da Consellería de Educación do Goberno galego explicaron a Efe que non
se prevé esta opción pola gran cantidade de prazas gratuítas para este
curso que comeza, posición coa que coincidiu a presidenta de Confapa,
Elena Gómez, quen asegurou a Efe que non son partidarios do táper
"porque os alumnos terían que comer aparte e levaría unha segregación".
"Parécenos volver a outros tempos", agregou Gómez.
A Xunta de Galicia aprobou o pasado 1 de agosto o decreto que regula os
comedores escolares a partir do próximo curso e que contempla 11.000
prazas gratuítas máis das que había en 2009 e outras 2.000 adicionais
cun custo máximo dun euro.
Deste xeito, o 60 % das prazas de comedor serán gratis, mentres que un 10 % terán un custo máximo dun euro.
En canto ás primeiras, o decreto establece a gratuidade para as
familias cunha renda anual neta per cápita inferior a 7.000 euros, en
situación socioeconómica de exclusión social, e vítimas de terrorismo e
violencia de xénero; e para os alumnos que cursen ensino básico e
segundo ciclo de educación infantil que se atopen en situación de
acollida residencial ou familiar.
Tamén será gratuíto o servizo
para os alumnos cun grao de discapacidade igual ou superior ó 33 %, e
para o persoal de cociña, coidadores, educadores e auxiliares de
enfermería no tempo de desempeño efectivo do seu traballo, e o persoal
dos centros e pais e nais durante os días en que se desenvolva a súa
colaboración efectiva.
Ademais, haberá bonificacións para que os
comensais só abonen 1 euro (renda anual neta per cápita de 7.000,01 a
8.000 euros), 2,50 euros (renda anual neta per cápita de 8.000,01 a
9.000 euros) ou 4,50 euros (renda anual neta per cápita igual ou
superior a 9.000,01 euros), aínda que as familias numerosas pagarán un
máximo de 1 euro por menú aínda no caso de que a súa renda anual neta
per cápita sexa igual ou superior a 7.000,01 euros.
En canto ó
número de usuarios, a ampliación da rede de comedores xestionada pola
Consellería de Educación establece unha clasificación tipo A (ata 75
comensais), tipo B (de 76 a 150), tipo C (de 151 a 250), tipo D (de 251 a
350), tipo E (de 351 a 500) e tipo F (máis de 500).
A pesar da
disposición destas prazas, a Federación de Asociacións de Mulleres
Rurais denuncia que este decreto "deixa sen alternativa" ós centros
escolares do rural ó suspender o transporte escolar ó mediodía.
Segundo indica nun comunicado, esta decisión implica "para a maior parte
das familias a obrigatoriedade de asumir un gasto de comedor de case
500 euros por neno cando as rendas dos seus integrantes non chegan a mil
euros".
A Confapa coincidiu no seu rexeitamento ó decreto, exposto
pola comunidade educativa, ó alegar que "a Xunta non está investindo en
comedores".
"O orzamento que van investir de 1,2 millóns
-continuou Elena Gómez- sae a 333 ó mes para cada colexio, co que está
claro que os nenos que pagarán 4,5 euros no comedor son os que van pagar
a gratuidade dos demais".
Tras considerar "esaxerado" o diñeiro a
pagar por eses nenos reprochou á Xunta que coa norma "estanse lavando as
mans de xeito esaxerado" porque quen fixarán o baremo das solicitudes
de nenos que entran ou non ó comedor van ser os consellos escolares e a
dirección.
"Non podemos menos que estar en contra, parécenos un
paripé porque nos están vendendo algo no que eles falan de igualdade,
pero eu non entendo onde está a igualdade", aseverou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario