A Xunta non vai entrar pola vía do consenso -o retorno ao Plano de Normalización Lingüística, que lle demandan CIG ensino e a Mesa- e pleitea agora contra o TSXG.
O Goberno galego mantén unha atitude de insubmisión frente ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que nun auto recente emprazaba á Consellaría a, nun prazo improrrogábel dun mes, aplicar escrupulosamente as sentenzas sobre o decreto do plurilingüismo.As resolucións que non está a cumprir o Goberno galego son as que atinxen á anulación da enquisa entre os pais para escolleren a lingua de escolarización dos seus fillos -esa é unha competencia dos poderes públicos, sinala o TSXG- e a supresión do suposto direito do alunado a empregar na aula a súa lingua de preferencia -os poderes públicos están lexitimados para demandar os alunos que se expresen nun determinado idioma, para demostrar o seu dominio e coñecimento.
CIG ensino e a Mesa, nunha conferencia de imprensa realizada a quinta feira, demandaron onte a Xunta que derrogase o decreto e que se reintegrase á vía do consenso lingüístico que o PP rachou unilateralmente ao chegar Feijóo a Monte Pío en 2009.
Feijóo non está polo labor e, no canto de acatar a sentenza, presenta agora un recurso. Continúa así a guerra xudicial contra resolucións xurídicas que anulan os aspectos chave do coñecido como decreto do plurilingüismo, a primeira norma legal ditada por un Executivo galego que resulta nun retroceso cuantitativo e cualitativo da presenza da lingua galega nas aulas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario