O final do camiño reivindicativo só é "un paso máis" na loita das familias do rural por un ensino público de calidade"É só un paso máis na nosa loita, unha forma de reactivarnos e de colocar a nosa situación no debate de abaixo cara a arriba, xa que onde hai que debatelo non se fai", reivindica unha das voceiras da Plataforma pola Defensa da Montaña e do Rural que participou nesta última parte do camiño que rematou en Fisterra e na que houbo varios actos reivindicativos como a botadura simbólica das barquiñas Mimadriña en defensa do ensino público na praia do Sardiñeiro ou a lectura dun manifesto xunto ao faro. Un primeiro paso do que se prevé un curso con moitas máis protestas e mobilizacións.
Representantes das anpas da Costa da Morte, de Nova Escola Galega ou o parlamentario do BNG, Cosme Pombo, puxeron voz tamén ás reivindicacións e inquedanzas de profesores, pais e alumnos do rural que defenden os dereitos dos cativos a unha educación de calidade e cos mesmos medios e posibilidades que os das vilas e cidades, algo que, insisten, non está a ocorrer nos últimos anos.
Censuran a ausencia de especialistas, a escaseza de profesores, as subas nos gastos escolares ou a reagrupación en centros de vilas e cidades"Estamos cansos de que nos dean as costas cada vez que imos falar con representantes da administración educativa", lembran os voceiros, que recordan tamén que non piden máis que as necesidades "básicas e fundamentais" para as escolas do rural. "Queremos que os nenos sigan estudando nos seus colexios e non que os despracen cara as vilas, a varios quilómetros de distancia, tal e como está a ocorrer en moitas zonas", insisten, tras denunciar tamén a "ausencia de especialistas" nalgúns centros e a escaseza de profesores noutros. "A falta de só uns días para que comecen as clases, hai zonas do rural onde a Xunta aínda non comunicou cantos profesores vai haber ou e van ser os necesarios", quéixanse. "E estamos fartos de mentiras e máis mentiras", repiten.
Ademais, tal e como denunciou hai pouco o Sindicato Labrego Galego (SLG), recordan que a suba nos gastos escolares volve "discriminar as familias do rural", especialmente no que se refire ao prezo do comedor escolar, cuxo servizo se ven obrigados a contratar a maioría dos pais. "A miña filla tarda tres cuartos de hora en ir á escola e outros tantos en volver, polo que non lle queda outra que comer na clase, co gasto que iso supón", explica unha nai, que aclara tamén que a posibilidade de enviarlle a comida á rapaza suporía que estes non puidesen comer no mesmo espazo que os que si gozan do comedor e, polo tanto, crearía "un menú para ricos e outro para pobres".
Ningún comentario:
Publicar un comentario