En esencia, trátase de lograr sen axuda o que se conseguía "cos libros que daba o bipartito", sintetiza en conversa con Praza Pública Helena Gómez Vecino, presidenta de CONFAPA Galicia. Fronte aos modelos dalgúns colexios concertados, "onde as familias pagan cinco ou dez euros para teren dereito ao banco de libros", as ANPAS da pública "optamos pola forma solidaria: entregamos os libros de texto que temos e recollemos os que haxa". Esta "solidariedade", ao contrario da enunciada no programa gobernamental de axudas, permite "un aforro de máis de 200 euros" por familia, paliando así medidas como a suba do IVE do material escolar.
O préstamo de manuais escolares deriva "nun aforro de máis de 200 euros" por familia, segundo cálculos das ANPASPero, como funcionan exactamente estes bancos? Gómez Vecino ilústrao cun exemplo: unha alumna de primeiro curso da ESO recolle a práctica totalidade dos manuais que precisa no seu novo centro de ensino. Previamente, "deixou os de sexto de Primaria no colexio". "Eses libros vanse coidar e os nenos aprenden desa reciclaxe, cunha importante parte pedagóxica". As nais e pais que impulsan este intercambio "saben que entregan o que teñen e que, ao mellor, non poden coller todos" os que precisan. Non obstante, para salver esta dificultade o seguinte paso será "elaborar un ficheiro na federación" de ANPAS "con todos os libros, ediciós e editoriais". Así o troco non se limitará a cada centro educativo, senón que se poderá realizar tamén entre colexios.
Plans como o banco de libros, unidos a outros como "bancos de uniformes" -algúns centros públicos empréganos-, tentan aliviar as dificultades económicas a través, destaca Gómez Vecino, dun "labor inxente das persoas das ANPAS, do profesorado e das direccións dos centros". Este traballo, abonda, non só consiste en recoller e entregar libros, senón que tamén hai que "plastificalos" ou distribuílos en andeis que previamente ten que habilitar a dirección ou o Consello Escolar de cada centro educativo. "Aquilo que fixo a Xunta no seu momento -sintetiza- retomámolo as ANPAS e as direccións dos centros".
Un banco de libros municipal
A desaparición do sistema de préstamo impulsado pola Xunta tamén fixo agromar iniciativas semellantes a nivel municipal. Un destes exemplos é o desenvolvido no Concello de Teo, que no verán de 2013 puxo en marcha por segunda vez o seu propio banco de libros. Aquela primeira campaña serviu para recibir 62 libros que, segundo datos da Concellería de Educación, "beneficiaron a 19 familias". Nesa edición "non se puideron atender dúas demanas por non dispoñer do material solicitado", explica a concelleira, María Álvarez Garea.Os informes de Servizos Sociais indican a que familias cómpre priorizarComo no caso das ANPAS, o Concello de Teo recolle "libros de texto usados nos colexios públicos do Concello", coa salvidade de que deben de ser "válidos segundo as listas de libros do curso 2013-2014". O único requisito para a recollida é que os manuais "estean en bo estado de conservación" e que non se trate de libros "que se utilicen como cadernos ou nos que se escriba", caso por exemplo dalgúns dos materiais empregados en Educación Infantil e no primeiro ciclo de Primaria. Pola súa banda, quen reciba libros "debe comprometerse a devolvelos ao remate do curso" no mesmo "bo estado" en que os recolleu. En toda a campaña terán prioridade "as familias que conten cun informe de Servizos Sociais que aconselle o préstamo" e, en segundo termo, as familias que doadoras de volumes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario