CIG-Ensino cre inaceptable que se contrate externamente esta actividade, cun custe de 300 mil euros, "cando hai numeroso profesorado especialista que está sen traballo"O sindicato considera ademais que se trata "dunha proposta elitista e selectiva na medida en que non vai abranguer nin sequera o 0,2% do alumnado galego". E pregúntase "que característica terá o alumnado que se poida beneficiar dun curso intensivo dunha semana deixando de recibir as aulas ordinarias? Acaso será o alumnado que ten máis dificultades na aprendizaxe, neste caso en idioma estranxeiro, o que se beneficie desta formación extra? Está claro que non". A central conclúe que "estamos ante unha actuación que se reafirma nos principios da creación dos centros plurilingües, onde a suposta mellora en linguas estranxeiras só está pensada para unha parte do alumnado, mentres seguen sen dotarse os centros de recursos, profesorado e medios para mellorar o ensino en linguas estranxeiras".
Tamén salienta que esta convocatoria se faga por procedemento de urxencia, habendo só oito días para presentar propostas. "Como van facer as empresas para se presentar a este concurso con tan pouco tempo? Ou hai empresas de man avisadas?" pregúntase o sindicato, que sinala que noutros procedementos realizados pola Xunta "resultaron beneficiadas empresas relacionadas co Opus Dei".
CIG-Ensino denuncia "a dobre moral, a tendenciosidade e a imposición ideolóxica do PP que utiliza as institucións e o diñeiro público non para garantir unha educación de calidade e no noso idioma a todas e todos, senón para financiar empresas privadas e desgaleguizarnos cada vez máis".
Ningún comentario:
Publicar un comentario