Dando por feito que as matemáticas son unha ciencia exacta, a maioría absoluta con que o PP saca adiante as súas leis no Congreso español fará que a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa sexa, finalmente aprobada. Porén, na Galiza, a comunidade educativa quere facerse ouvir e facer, ao tempo, un "último esforzo" que deixe claro o rexeitamento a esta norma.
Unha marcha polo ensino público o 28 de setembro, que arrincará ás 10.30 horas desde catro puntos dos arredores de Compostela e confluirá ás 12h na praza das Praterías; unha mobilización diante da consellaría de Educación o 16 de outubro; un manifesto da Cultura galega; greve en todo o sistema educativo o 24 de outubro, con manifestacións nas sete cidades e en Vilagarcía, Cee, Carballo, Lalín e A Mariña; e unha xornada de música e textos o 13 de novembro nas sete cidades.Son estas as accións de protesta que a Plataforma galega en defensa do ensino público anunciou, enmarcadas todas elas na "loita" contra a LOMCE, unha lei que o secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, cualificou de "letal e prexudicial para o sistema educativo galego". Canda el estiveron presentes na rolda de imprensa Carme Romero (AS-PG), Alberte Mera (Galiza Nova), Mónica Martínez (Comités), Fernando Lacaci (Federación ANPAS Compostela) e Elvira Lombao (Federación ANPAS Lugo), en representación dalgúns dos colectivos que fan parte desta plataforma.
"Xa que vai nacer, queremos que naza morta", enfatizou a respeito da lei Fernando Lacaci, quen garantiu o apoio das asociacións de nais e pais a todas as accións citadas, así como o chamamento de cara á greve xeral que o 24 de outuro baleirará as aulas de todo o Estado. "A nós ninguén nos convocou; soubemos do paro pola imprensa", explicou Louzao ao lle preguntar polos contactos con outras forzas sindicais e/ou sociais que preparan mobilizacións a este respecto.
Louzao lamentou que a Plataforma non fose tida en conta "malia ter organizado as manifestacións máis exitosas e a meirande parte dos actos na Galiza". Con todo, sinalou a pertinencia de confluír na mesma xornada de greve "aínda que os motivos de rexeitamento da LOMCE sexan distintos e, nalgúns casos, até antitéticos". O secretario xeral da CIG-Ensino enumerou a exixencia de "galeguización do ensino" e a "laicidade" como dúas reclamacións que se fan desde a Galiza e que evidencian "distintas perspectivas de organización" das mobilizacións en prol do ensino público.
A situación particular do noso País fica reflectida neste novo curso académico, que arrincou con 3.000 docentes menos nas aulas, a aplicación do decreto do plurilingüismo, a destrución de unidades de infantil e primaria nomeadamente no rural, o mantemento dos convenios con centros privados que segregan o alumnado por razóns de sexo. Decisións todas elas estabelecidas desde a consellaría de Educación e que "adiantan a LOMCE e son diferentes ao resto do Estado".
Así as cousas, como voceira das organizacións estudantís, Mónica Martínez, mostrou o apoio ás accións reivindicativas anunciadas e acusou o ministro de Educación, José Ignacio Wert, de "xogar co noso ensino, porque nos están a privar del". Concluíu Martínez sinalando que "non imos permitir que esta norma se aprobe sen que se escoite o noso rexeitamento".
Ningún comentario:
Publicar un comentario