Comunidade educativa e pais denuncian os recortes no profesorado ou nas bolsas, o peche de unidades e o encarecemento dos gastos escolaresNada máis distante que as versións ofrecidas por unha e outra parte. Mentres a Consellería de Cultura e Educación asegura que as necesidades dos alumnos "están cubertas", as diferentes plataformas a prol do ensino público, nas que se inclúen sindicatos ou asociacións de pais e nais, censuran os recortes que afectan desde o profesorado, ás bolsas, pasando polo peche de centros ou unidades ou os derivados do encarecemento dos gastos escolares.
Así, tanto desde a Confapa como desde os sindicatos advírtese de que este curso comezará con, "polo menos", 134 profesores menos, unha cifra que aumentará en canto se coñeza o número de docentes xubilados e que volve aumentar unha listaxe que acumula uns 2.500 profesionais menos do ensino nos últimos anos no país. A consecuencia é obvia: maior ratio de alumnado e aulas cheas, agrupamento de rapaces de distintas idades e cursos nas escolas do rural e escasas medidas de atención á diversidade ante o tamén denunciado descenso no número de profesores de apoio.
O curso comeza con 134 profesores menos en Galicia, unha cifra que aumentará en canto se coñezan as xubilaciónsPrecisamente a situación no rural é unha das reivindicacións máis escoitadas nos últimos tempos. A falta de recursos nas escolas das aldeas e a petición dun ensino "cos mesmos dereitos" que nas vilas e cidades son os motivos que levan a centos de familias a manter as mobilizacións que desenvolven desde que sufriron os primeiros recortes. CIG-Ensino, por exemplo, denunciou xa o peche de 15 centros e de 64 unidades, moitas delas no rural, ao tempo que se incrementan 15 na ensinanza privada concertada.
O mesmo sindicato censura tamén o incremento das taxas en distintos ámbitos como o comedor escolar ou a redución de bolsas para o estudo e o endurecemento dos requisitos solicitados para acceder a elas. Desde o rural asegúrase que este "encarecemento" dos gastos escolares é aínda máis prexudicial nas aldeas, onde a obrigatoriedade de percorrer varios quilómetros para chegar á escola obriga tamén a optar por un servizo de comedor escolar que pode supor case 800 euros de gasto anual por cada alumno para as familias, logo da suba no importe imposta pola Xunta de Galicia.
O aumento no importe do servizo de comedor ou o sistema de axudas aos libros de texto da Xunta incrementan o gasto das familiasEste incremento, que pode supor o pago de até 4,5 euros polo xantar, tamén foi censurado por Confapa Galicia, que denuncia o decreto de comedores aprobado polo Goberno malia que prosperaron sete emendas á totalidade no Consello Escolar galego das que caso ningún se fixeron.
Algo semellante ocorre co elevado gasto nos libros de texto, logo de que o Goberno de Feijóo substituíse o anterior sistema de préstamo instaurado polo bipartito por outro de axudas parciais, a denominada "gratuidade solidaria", que deixa fóra a case a metade do alumnado, segundo datos da propia Xunta. Ante esta conxuntura, as asociacións de nais e pais (ANPAS) optaron pola autoorganización: os bancos de libros, que consiste en lograr sen axuda o que se conseguía cos materiais que se facilitaban no executivo progresista.
Ademais, todos os sindicatos coinciden tamén en lembrar e denunciar que a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a pesar da sentenza do TSXG declarando inválidos os concertos cos centros que segregan ao alumnado por sexo, aprobou novos concertos para un período de catro anos. "Estamos, xa que logo, ante unha resposta que só pode entenderse en chave ideolóxica, xa que tendo na man unha xustificación xurídica para o aforro de cartos públicos, a Consellería decide seguir a desviar partidas económicas para centros ultraconservadores, elitistas e segregadores", recorda o STEG.
A Consellería de Eudación, no entanto, defende a total "normalidade" do inicio de curso e acusa os críticos de ter "intereses políticos" que serían os que os levan a ofrecer un discurso "catastrofista e totalmente afastado da realidade".
Ningún comentario:
Publicar un comentario