A Plataforma centra as súas críticas nos recortes de profesorado e de bolsas, os concertos educativos con colexios segregadores e a supresión dos comedores gratuítos e denuncia o "escurantismo propio doutras épocas" amosado por ambas as dúas administracións á hora de facilitar os datos que dende estas organizacións lles solicitaron sobre xubilacións de profesores, ou número de alumnos matriculados. A este respecto José Manuel Fuentes Fariña (CCOO) constatou que a información oficial do Ministerio de Educación, que recoñece que nos dous últimos anos hai 1.300 docentes menos en Galicia "vén subliñar unha vez máis as mentiras de Núñez Feijoo e Jesús Vazquez cando negaban que houbera recortes de persoal".
"A fórmula que establece a Consellaría constitúe un intento de saltar a sentenza do TSXG e seguir mantendo os concertos cos centros segregadores á espera da aprobación da LOMCE"A Plataforma tamén denuncia que a Xunta "fai caso omiso" da sentenza do TSXG que impide o concerto con centros que segregan o alumnado por cuestión de sexo. Para estas organizacións, "a fórmula que establece a Consellaría constitúe un intento de saltar a sentenza e seguir mantendo estes concertos á espera da aprobación da LOMCE".
"Serán os nenos que paguen os 4,5 euros os que sosteñan o que a Xunta chama 'becas' porque o que achega o Goberno non é suficiente para dar de comer nas escolas públicas"Mentres, Helena Gómez Vecino (Confapa) cargou contra a supresión do servizo gratuíto de comedor para o alumnado usuario do transporte público e o incremento nun 40% do seu prezo. Explicou que cos cartos que achega a Xunta, ao redor de 30 mil euros mensuais por centro (333 euros por día), non se pode pagar o servizo nin sequera para o alumnado que por cuestión de renda (aquelas familias cuns ingresos totais anuais de menos de sete mil euros) aínda ten acceso de balde ao comedor: "Serán os nenos que paguen os 4,5 euros os que sosteñan o que a Xunta chama 'becas' porque o que achega o Goberno non é suficiente para dar de comer nas escolas públicas". Gómez Vecino tamén destacou a iniciativa do banco de libros posta en marcha polas Anpas, que vén paliar a falta de vontade do Goberno popular de regresar á gratuidade dos libros de texto que puxera en marcha o bipartito. Estes bancos de libros supoñen "un aforro de máis de 200 euros" por familia e achegan tamén un beneficio pedagóxico: "eses libros vanse coidar e os nenos aprenden desa reciclaxe".
Pola súa banda, Pablo Álvarez (Sindicato de Estudantes) destacou que "os alumnos con máis necesidade ven como as medidas do Goberno constitúen un obstáculo insalvable para acceder ao ensino" e cualificou de "ideolóxicas" reformas coma a do sistema de bolsas, que dificultan que os alumnos procedentes das clases baixas poidan seguir estudando, "eliminando a igualdade de oportunidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario