O primeiro período escolar tras o retorno do PP a San Caetano supuxo, segundo esa mesma fonte oficial, un cambio de tendencia que se mantén dende entón. Ata ese momento o Goberno galego, tanto co PP como co bipartito, viña sumando paulatinamente profesores e profesoras á educación pública. Así, por exemplo, no derradeiro curso xestionado pola Administración de Manuel Fraga traballaron nos colexios e institutos públicos 30.238 profesores e profesoras e 7.556 fixérono nos concertados. O crecemento continuou ata o curso 2008-2009, cando se contaban 31.375 docentes na pública e 7.696 na concertada. O curso seguinte, o primeiro co PP, o profesorado da pública mantívose e o da concertada aumentou en 53 persoas.
A partir dese punto de inflexión tanto o ensino público como o concertado perdeu docentes, aínda que nunha proporción dispar. Así, a caída na escola pública foi dun 3,25% neste período, sempre segundo os datos da Consellería. Mentres, os 20 docentes menos da concertada tradúcense nun decenso do 0,37%. Pola súa banda, os centros educativos privados contan na actualidade con 7.678 profesores e profesoras en Galicia, 71 menos que no curso 2009-2010 -un descenso do 0,91%- e 122 máis que hai unha década.
O corpo docente aumentou ata o curso 2009-2010, dende o que descendeu un 3,25% no ensino públicoEste descenso do corpo docente prodúcese nun período no que o alumnado do ensino obrigatorio aumentou no país un 1,90%, pasando de 282.797 alumnas e alumnos no curso 2009-2010 a 288.183 no curso que vén de comezar. Fronte a este aumento no ensino obrigatorio, especialmente no primario, sitúase o descenso do alumnado no Bacharelato, que era cursado por 32.180 persoas no período escolar 2009-2010 e que, segundo os datos de Educación, ten 30.854 matrículas no 2013-2014.
O conselleiro e a "normalidade"
Estas cifras son, entre outras, o pano de fondo co que este martes acudía ao Parlamento o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, para dar conta da "normalidade" coa que comezou o novo curso escolar. Malia estar sobre a mesa asuntos candentes como o denominado decreto do plurilingüismo, as subvencións a centros segregacionistas ou o propio recorte de docentes Vázquez subiu á tribuna para instar a oposición a "deixar á marxe a confrontación política" e sumarse á interpretación dun inicio de curso normal. "A sociedade non quere políticas, quere resultados", sentenza o conselleiro.Jesús Vázquez apela a "deixar á marxe a confrontación política"A oposición, acusa Vázquez, tenta "confundir a opinión pública, cada día cun dato máis terxiversado" ou "contando contos". Pero o certo, asegura, é que Galicia ten un "número de profesores semellante ao do ano pasado", mantendo as ratios de alumnado por docente en cifras inferiores á media do Estado. Eses alumnos e alumnas, di, benefícianase do "esforzo" para "compensar a baixada de fondos do Ministerio de Educación" en ámbitos como as axudas para a compra de libros de texto, a denominada "gratuidade solidaria" que substituíu o programa de préstamo do bipartito e que agora, engade, tamén pode ser empregada para pagar material escolar. Este sistema, defende, é "máis xusto e equitativo, pagan as familias que poden para que non paguen as que non poden".
O conselleiro de Educación acusa a oposición de defender o "café para todos" nas axudas escolaresNeste contexto, o conselleiro rexeita ademais que o seu departamento beneficie o ensino privado e concertado fronte ao público. "Son fillo de xente moi humilde e tiven que facer moito esforzo para manter a bolsa", reivindica, tanto para defender as axudas parciais para libros como para xustificar o novo copagamento nos comedores. A oposición, acusa, fai "bandeira de cuestións que non se corresponden coa realidade, pero o modelo educativo do PP é "máis xusto e equitativo". Os outros grupos "reivindican o café para todos" pero a igualdade consiste en "darlle a cada un o que merece" e non "en que os fillos dos deputados poidan ir de balde ao comedor escolar" ou "darlles os libros á xente que pode pagalos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario