Unha cidadá, nai de dous fillos, entregou hoxe no Ministerio de
Educación 265.000 firmas reclamando a aprobación dunha lei que estableza
a creación de bancos de libros nos colexios públicos e concertados.
Esta nai madrileña, Elena Alfaro, iniciou hai un ano unha campaña online de recollida de firmas a través da plataforma cidadá change.org solicitando apoio para reclamar "un prezo máis xusto para os libros de textos escolares" e un sistema de reutilización.
"Pido que as administracións -o Goberno e as comunidades autónomas-
fagan unha regulación para conseguir un sistema efectivo de
reutilización de libros de texto en todos os centros públicos e
concertados, pondo a disposición dos alumnos bancos de libros, sen que
se esixa ningún requisito para acollerse a este sistema", explica Alfaro
na porta da sede do Ministerio de Educación.
Para a autora da iniciativa, "é unha proposta básica, razoable,
pedagóxica, ecolóxica e necesaria" porque evitaría que as familias
estean sometidas ao "albur dos vaivéns económicos".
"Pido un cambio lexislativo para que a intimidade da xente se respecte e
non teña que ir dicindo: non teño diñeiro, axúdeme a comprar os libros
dos meus fillos".
Neste sentido, opinou que "non é razoable que os pais teñan que facer un
esforzo importante, a compra de libros, para algo que a lei obriga, que
é a educación".
"Hai moitos xeitos de organizarse; como que os libros pertenzan ao
centro, llos preste aos alumnos e estes os devolvan a final de curso, ou
que se fixe unha fianza e se devolva ao final de curso ou a través de
doazóns de pais de libros que xa non usan", suxire.
Tamén propón "facer concursos públicos entre os produtores de libros,
nos que se fixase un prezo máximo, e onde se competise pola calidade dos
contidos".
Por exemplo, que se valore a posibilidade de que os libros poidan ser actualizados de forma online, apunta.
Elena Alfaro insiste na idea de que é necesario facer unha lei porque
"obrigaría á administración a fixar unha partida que agora se estaba
destinando a cheques de libros e a outras axudas, que moitas delas
suprimíronse, para ir creando fondos bibliográficos de maneira que o
sistema empezaría a rodar aos poucos".
Para esta cidadá, "a medida é necesaria e lóxica" e insiste en que está a ser aplicada en moitos países.
"A educación dos nenos é un tema moi serio; se todos os países fano,
¿por que somos os últimos da lista neste tema? As asociacións de pais e
os particulares están a organizarse como poden. é o momento de
solucionalo".
De momento, UPyD é o único partido que recolleu a súa proposta e
presentou unha proposición non de lei para que sexa debatida no
Parlamento.
"Agora deberán ser todos os partidos os que decidan aprobala ou
rexeitala; todos deben dar un paso adiante e é fundamental que os
cidadáns saibamos cales son os argumentos de cada partido", concluíu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario