Este bocadiño dunha copla contra a LOMCE que escollemos para intitular resume o obxectivo da marcha a pé que centos de persoas realizaron neste sábado de chuvia en contra dunha lei "españolizadora, confesional, clasista, privatizadora, sexista e reaccionaria''. Convocado pola Plataforma galega en defensa do ensino público, o protesto ateigou a praza compostelá das Platerías.
"Hoxe o sitio faise pequeno", díxome un dos manifestantes namentres intentaba abrir camiño para el e para a súa crianza entre os centos de paraugas que cubrían a praza compostelá das Platerías. Pai e fillo vestían a camisola celeste que xa se converteu no uniforme oficial daquel@s que rexeita a chamada Lei orgánica de mellora da calidade educativa, a LOMCE, popularmente coñecida como a norma da 'Wertgoña'. Porén, comecemos polo principio.
Non queremos esta lei,esta lei de educación
é por iso que berramos
non á LOMCE, LOMCE non.
Eran as dez e media da mañá cando os autobuses chegaron aos catro puntos de encontro nas aforas da capital galega desde os cales estaba convocada a saída cara á cidade.
A arroiada que está a caer este sábado non lles deu moita tregua, mais non conseguiu deter tampouco a mobilización.
Centos de persoas chegaron até Platerías e, refuxiadas nos soportais ou debaixo dos paraugas, corearon con intensidade as coplas contra a LOMCE para deixar claro o seu rexeitamento a esta lei.
As estrofes foron incluídas nesta crónica. Para as cantar deben entoar a melodía de 'O galo cando canta é día'. Os cánticos chegaron após darlle leitura ao manifesto da Plataforma, que ben podería resumirse nestes cinco versos:
Queremos ensino en galego,
galego, galego,
queremos ensino en galego
p'ra que o noso idioma
non sexa estranxeiro.
Con todo, non é o afán españolizador da lei de Wert --que obriga a pagar con fondos públicos o ensino en español nun centro privado-- o único punto que provoca rexeitamento na comunidade educativa galega. Varias voces foron pasando polo micro para apuntar aquelas cuestións que levan ao colectivo a cualificar a norma como "españolizadora, confesional, clasista, privatizadora, sexista e reaccionaria''.
Di a Plataforma que a LOMCE "afonda nas diferencias sociais" e invade as competencias que a consellaría de Educación ten na materia para redactar desde Madrid un currículo "que afaste totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística".
O texto da 'Wertgoña' blinda os concertos da Xunta co ensino privado, mesmo con aqueles centros en que o alumnado fica segregado en función do seu sexo. Reforza a confesionalidade nas aulas e concede á relixión a categoría de materia específica, polo que será impartida un máximo de tres horas e un mínimo de dúas. Aliás, elimina o Consello escolar como órgano de goberno para que a dirección dos centros sexan escollidos "a dedo" pola consellaría.
Queremos que mande o Consello,
o Consello, o Consello,
queremos que mande o Consello
e que non nos poñan
directora a dedo.
Hai máis. Permitirase a contratación de profesorado nativo para impartir as linguas estranxeiras vulnerando os mecanismos de acceso á función pública docente: non terán que facer oposicións.
A Plataforma denuncia, aliás, que a norma "desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado".
Así mesmo, as probas de reválida que se realizan desde o Estado para poder pasar de curso poderán ser corrixidas por profesorado dos centros privados.
Esas mesmas reválidas "liquidan a igualdade de oportunidades ao impor barreiras para que só uns poucos alumnos cheguen a estudos postobrigatorios e universitarios".
Queremos aprobar a etapa,
etapa, etapa,
queremos aprobar a etapa
e que unha reválida
non nos dea a lata.
Se a chuvia non impediu que a acción reivindicativa se realizase, si que obrigou a suspender a actuación de Mini e Mero que estaba prevista. Foron as gaitas as que amenizaron coa súa música os animados cantares dos centos de gorxas.
A Plataforma denuncia tamén no seu manifesto que a LOMCE é "un anteproxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación" asíque, antes de fechar esta crónica, unha última estrofe:
Queremos mandar un recado,
recado, recado,
queremos mandar un recado
que o alumnado noso
non é o seu mercado.
Lembramos que a lei da 'Wertgoña' trata a nosa lingua ao mesmo nível que os idiomas estranxeiros, após aprobar a emenda presentada por UPyD para que o español figure como lingua vehicular en todo o Estado.
Quen compón a Plataforma?
Compoñen a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público as seguintes entidades: AS-PG, CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil Galega, Federación Provincial de ANPAS de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPAS de Compostela, Federación de ANPAS da Costa da Morte, a Federación de ANPAS de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Sindicato de Estudantes, BNG e Galiza Nova. Na mobilización estiveron presentes o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, e o responsábel nacional da CIG, Xesús Seixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario