A Xunta continúa coas súas políticas neoliberais de
redución de servizos públicos ao sumar 22 escolas rurais pechadas para o
vindeiro curso académico. Ao mesmo tempo, as escolas que seguen a subsistir no rural están vendo como se reduce o seu número de docentes.
Deste xeito, nunha mesma aula hai nen@s de diferentes niveis educativos
atendidos por unha/un mesm@ docente, o que dificulta notablemente a
adecuada atención ás súas necesidades académicas.
Asemade, o peche das escolas rurais provoca o éxodo ás
cidades por parte das nais e pais d@s cativ@s, pois a vida no rural cada
vez é máis difícil debido aos recortes que a Xunta está a aplicar, ao
non garantir uns servizos públicos para poder vivir con calidade.
Cremos que a escola rural ten un papel fundamental na
vertebración do territorio e da sociedade pois conforma unha comunidade
estreitamente ligada á terra, que preserva e reforza a cultura e
contribúe fundamentalmente a manter a vida no rural, pois fica claro que
nas aldeas nas que nestes intres non hai cativ@s, o seu futuro é moi
incerto.
Os Comités rexeitamos o peche de escolas rurais e as
políticas do Partido Popular para desmantelar o ensino público e de
calidade. O ensino no rural debe ser unha prioridade para non negar o
noso pasado e pechar o futuro das xeracións vindeiras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario