martes, 24 de setembro de 2013

Nova folga no ensino para o 24 de outubro

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga e manifestacións contra o LOMCE. Haberá unha Marcha a pé a Santiago o 28 de setembro remata ás 12 horas na Praza de Praterías.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga contra a LOMCE para o 24 de outubro en todo  sistema educativa galego. Así o  anunciaron este luns 23 de outubro representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público nunha rolda de prensa na que fixeron un chamamento a secundar a folga e  participar de xeito masivo nas mobilizacións que se van realizar ese día ás 11:30 horas da mañá nas sete cidades, na Mariña, Cee, Carballo, Lalín e Vilagarcía.  Ademais da Marcha a Santiago contra a LOMCE -prevista para este sábado 28 de outubro- a Plataforma Galega fixo público un novo calendario de mobilizacións que inclúe a realización dunha acción o 16 de outubro diante da Consellaría de Educación, promover unha manifesto da cultura galega contra a LOMCE e reeditar o formato de actos comarcais  con música e letras contra a LOMCE en todo o país o 13 de novembro.
 
A  Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público decidiu convocar folga o 24 de outubro porque considera prioritario facer un último esforzo para evitar a aprobación da lei. Non obstante Anxo Louzao, da CIG-Ensino, organización sindical maioritaria entre o profesorado galego e integrante da Plataforma Galega, explicou que, como xa aconteceu coa folga do 9 de maio,  a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público coñeceu a convocatoria desta nova folga a nivel de Estado polos medios de comunicación. “Prodúcese unha desconsideración permanente aos galegos e galegas. A Plataforma Galega nucleou durante o último ano toda a oposición á LOMCE en Galiza, pero non se conta con ela e a convocatoria fíxose desde Madrid”, explicou Louzao que lembrou tamén que a Plataforma Galega constituíuse en réxime de autoconvocatoria, aberta todas as organizacións que queiran participar dela. 
 
Fernando Lacaci, presidente da Federación de ANPAS de Santiago de Compostela, exerceu como portavoz das familias e subliñou que os pais e as nais están a ser unha parte importante na pelexa contra a LOMCE. “Queremos que sexa unha lei que naza morta”, dixo diante da previsible aprobación da LOMCE debido á maioría parlamentaria coa que conta o PP. “Unímonos á repulsa de todos os colectivos sociais e seguiremos pelexando, cos medios que teñamos, contra esta lei que atenta contra os nosos fillos e fillas, contra a xente que xa está estudando … e contra a sociedade no seu conxunto ao facela clasista e separada por motivos económicos no futuro”, explicou. Mónica Martínez dos Comités, púxolle voz ao estudantado e animou a a participar na folga porque “xogan co noso futuro” e esta lei vai deixar fóra do sistema educativo a estudantes con menos recursos”.
 
Para a primeira das mobilizacións previstas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, a Marcha a Santiago o 28 de setembro, sairán autobuses desde as diferentes comarcas que chegarán, en Compostela, a catro puntos diferentes: Rúa de Boisaca (polígono do Tambre), Monte do Gozo, diante do CEIP Lamas de Abade e Ponte da Rocha.  Desde eses lugares sairán, ás 10:30 horas, catro marchas a pé que confluirán nun acto reivindicativo en Praterías ás doce horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario