Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público
anunciaron este luns 9 de setembro en rolda de prensa a convocatoria
dunha marcha a Santiago o 28 de setembro que terá como reivindicación
fundamental a exixencia de que o Goberno central retire a LOMCE. A
Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denunciou a política de
desmantelamento do ensino público do PP e anunciou tamén unha
concentración para este mércores 11 de setembro ás 11:30 horas, diante da Consellaría
de Educación, que coincidirá co inicio do curso en Educación Infantil e
Primaria. A Plataforma tamén adiantou que estuda a presentación dun
recurso contra o decreto de comedores ao limitar a gratuidade a 14.000
de 200.000 alumnos e alumnas.
Para a Marcha do 28 a Plataforma ofrecerá autobuses desde diferentes
comarcas. Os autobuses chegarán en Santiago a Ponte da Rocha,
inmediacións do CEIP Lamas de Abade, Polígono do Tambre e Monte do Gozo,
lugares desde os que sairán a pé, ás 10:30 horas, os/as participantes
en dirección á Praza de Praterías, na que se fará, ás 12.00 horas, un
acto reivindicativo final.
MANIFESTO DA PLATAFORMA
A plataforma Galega do Ensino Público continúa
mobilizándose contra a LOMCE
para amosar o seu total
rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista,
antipedagóxica, antidemocrática, e
confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os
sectores sociais máis
desfavorecidos da sociedade.
A LOMCE pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal que
afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todas e todos
teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de
calidade.
A LOMCE é recentralizadora e españolizadora, facilítalle ao alumnado, se é
necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós,
para evitar a súa escolarización no noso idioma.
A LOMCE procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central,
uniformiza mediante as reválidas e marxina aínda máis a nosa lingua. Impón un modelo lingüístico que elimina o ensino en
galego e invade as cativas competencias que temos, coa intención de afastar
totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e
lingüística.
Medidas como estas non só van repercutir negativamente no ensino público,
senón que van fortalecer o ensino privado concertado que se verá favorecido coa
creación de centros de excelencia, mediante a
selección do alumnado. Blíndanse os concertos económicos cos centros
privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de sexo, malia
existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade.
A LOMCE reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. O anteproxecto
mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia
alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico,
converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en
Relixión. No Bacharelato, a materia de
Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre
as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2.
É un anteproxecto profundamente antidemocrático, que traslada o sistema de
xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de
goberno e baléirao de todas as competencias. A dirección será elixida pola
administración e terá plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de
transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o
profesorado que sexa proposto pola
administración.
Liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas
barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos
postobrigatorios e universitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora,
xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4
de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo mediante itinerarios que condena, prematuramente, o alumnado a optar a
titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando de maneira temperá o seu futuro académico e laboral.
A LOMCE pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización
curricular, diferentes categorías de centros e atender, con máis recursos e
medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no
lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que
todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográfica,
reciban unha formación de calidade.
Este anteproxecto de lei desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado.
É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado
vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino
obrigatorio e postobrigatorio. A isto hai que lle engadir a desvalorización da
Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin
sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer a
empregabilidade.
A LOMCE reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do
PP. Un anteproxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado
e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos,
legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo.
A LOMCE facilita a planificación escolar en función do ensino concertado,
reproduce un sistema xerárquico e empresarial
para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á
educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión
social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e intregral,
cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e
responsábeis.
Por todos estes motivos, porque
significa un retroceso de décadas e porque elimina a igualdade de
oportunidades, volvendo a unha sociedade na que o valor das persoas está en
función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se
nace, o ensino galego e a Plataforma
Galega para a Defensa do Ensino Público esixe a retirada deste anteproxecto
e un ensino público galego, laico e democrático.
Próximas
mobilizacións
11 de setembro:
Realización concentración diante da Consellaría de
Educación, ás 11:30 horas, coincidindo co inicio do curso escolar.
28 de setembro, sábado,
marcha a Compostela.
Puntos de saída:
·
Ponte da Rocha.
·
CEIP Lamas de Abade.
·
Polígono do Tambre.
·
Monte do Gozo.
Enlace da Plataforma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario