É o prazo que dá o TSXG en resposta a un requerimento da CIG-Ensino e da Mesa. Para ambos colectivos, o único xeito de acatar o fallo é derrogar o decreto plurilingüe. O Superior galego advirte que da desobediencia derivarán multas ou responsabilidades penais.
Un mes. É o prazo "improrrogábel" que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza lle dá ao Goberno galego para acatar a sentenza ditada o 21 de novembro de 2012 en que anulaba dous artigos do decreto plurilingüe que regula a presenza do galego nas aulas.En resposta ao requerimento interposto pola Mesa pola Normalización e CIG-Ensino, o Superior galego recoñece non ter constancia de que a devandita sentenza estea a ser asumida pola consellaría de Educación, que aínda neste curso realizou unha consulta ás familias para coñecer a lingua en que querían escolarizar as crianzas, consulta que aquela sentenza declarou ilegal até seis veces, noutras tantas respostas a sindicatos e colectivos pola lingua, mais tamén ao desestimar o recurso interposto polo grupo Galicia Bilingüe.
Multas e responsabilidade penal
Por todo o anterior, o TSXG ordena no seu auto a "execución forzosa" daquela resolución e deixa claro que, no caso de que a desobediencia do Executivo galego persista, imporanse multas que poden ir dos 150 até os 1.500 euros, así como a exixencia de responsabilidade penal que corresponda "ás autoridades, funcionarios ou axentes".
Anulados os artigos ''que mataron o decreto do plurilingüismo''
Daquela, o mesmo tribunal considerou na súa resolución que non cómpre unha consulta ás familias para escoller a lingua vehicular do ensino en Infantil e anulou os dous artigos (o 5.2 e o 12.3) que, en palabras do presidente da Mesa, Carlos Callón, "mataron o núcleo do decreto do plurilingüismo".
Para alén de anular a consulta ás familias que a consellaría de Educación realizou hai dous anos, o Superior galego recoñece o principio pedagóxico que fora negado pola Xunta: que as crianzas empreguen o noso idioma en máis materias que Lingua e Literatura galega. Rexeitou así a disposición que sinalaba que o uso do galego non era obrigatorio nas aulas.
Contra unha ''pseudoconsulta fraudulenta'' e declarada ilegal
"Reclamamos que a consellaría non persista na súa actitude, que é chulescamente ilegal e canallescamente incívica", espetou Callón durante a rolda de imprensa que a Mesa deu conxuntamente co sindicato CIG-Ensino, representado polo seu secretario xeral, Anxo Louzao.
Desde a asociación en defensa da lingua subliñaron que a enquisa ás familias é "unha pseudoconsulta de escoja usted, pero escoja castellano". Aliás, considérana "fraudulenta" porque non se fixeron públicos os resultados, polo que "o único que se pode concluír é que está pensada para varrer o galego das aulas".
Louzao: ''O ideal sería a inmersión lingüística en galego, mais é moi difícil''
De seguido, Anxo Louzao valorou que "o auto vén sinalar que estamos perante unha consellaría empecinada en perseguir o galego para que deixe de ser lingua de uso e sexa lingua de museo". Ao igual que fixera Callón, considerou Louzao que a única saída que a Xunta ten para acatar esta obriga do TSXG "é derrogar o decreto do mal chamado plurilingüismo e aprobar outro novo que parta do consenso", recuperando entrementres os mínimos estabelecidos no Plan xeral de Normalización.
Por derradeiro, Louzao pediu o cesamento de Jesús Vázquez por "insubmiso" e adiantou que "o ideal sería unha norma de inmersión lingüística en galego, mais sabemos que iso é difícil". Cómpre sinalar que tamén Queremos Galego reclamou o cumprimento do fallo, mais non recibiu aínda resposta do TSXG. A Xunta dispón de cinco días para recorrer o auto do TSXG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario