venres, 20 de setembro de 2013

A xustiza reprocha á Xunta que se resista a acatar fallos sobre o galego

- O Tribunal Superior ameaza con multas a Educación por incumprir sentenzas.

- Educación manterá a consulta aos pais malia o fallo.

En tempos do bipartito, o PP comezou a reconquista da Xunta cunha campaña na que acusaba o Goberno de PSdeG e BNG de impoñer o galego nas aulas cun decreto que non respectaba nin a legalidade nin os "dereitos civís". Os populares baseaban a súa acusación en que o Conselo Consultivo, un órgano asesor da Administración autonómica, puxera certos reparos á norma que establecía que nos colexios polo menos a metade das materias debía impartirse no idioma propio de Galicia para frear a perda de falantes.
Cando tomou posesión como presidente, o popular Alberto Nuñez Feijóo impulsou un modelo lingüístico nas escolas cuxo piar básico -o "dereito" de elección do idioma por parte dos pais- foi tombado sucesivamente por varias sentenzas que, segundo acaba de revelar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Consellería de Educación nin sequera está a acatar.
O auto do alto tribunal, con data do 2 de setembro, comina ao Goberno de Feijóo á execución "forzosa" no prazo máximo dun mes das sentenzas que anulan parte de dous artigos do "decreto do plurilingüismo", como bautizou o PP á norma na que se revogou a discriminación positiva do galego no ensino e estableceuse que esta lingua se debía usar no mesmo número de materias que o castelán. O TSXG recrimina á Consellería de Educación o incumprimento das resolucións xudiciais, tras o recurso que presentaron A Mesa pola Normalización Lingüística, un colectivo en defensa de idioma propio de Galicia, e CIG-Ensino, o sindicato maioritario no ensino.
Aínda que o auto non o aclara, tanto A Mesa como a CIG consideran que o incumprimento ao que se refire o alto tribunal radica no que feito de que Educación segue realizando a principio de curso unha consulta aos pais con nenos matriculados en Educación Infantil sobre a lingua a utilizar na aula. En 2012 unha sentenza firme do TSXG considerou ilegal esta práctica recollida no artigo 5 do decreto do plurilingüismo porque supoñía que a Administración abandonaba a súa "responsabilidade" ao someter votación dos pais "un aspecto tan fundamental como a lingua que se debe empregar na etapa de Educación Infantil".
A Consellería de Educación xa presentou recurso contra o auto do alto tribunal. Sostén que cumpre "escrupulosamente" as sentenzas sobre o decreto do galego e defende a legalidade de seguir organizando a consulta porque o seu resultado non determina por si só a lingua a empregar na aula senón que tamén se ten en conta "a realidade sociolingüística do ámbito" e a garantía de que os escolares adquiren coñecementos nas dúas linguas cooficiais.
No seu auto coñecido onte, o Tribunal Superior advirte a Educación de que en caso de persistir no incumprimento das sentenzas se poderán adoptar "as medidas necesarias para lograr a súa efectividade", interpoñer multas "de 150" a 1.500 euros ás autoridades, funcionarios ou axentes" e "poderase deducir o oportuno testemuño de particulares para esixir a responsabilidade penal que puidese corresponder".
O líder de CIG-Ensino, Anxo Louzao, e o presidente da Mesa, Carlos Callón, piden á Xunta que non persista na súa acción "chulamente ilegal" e retiren a consulta. "O decreto está morto", proclamou Callón. O PSdeG acusou o Goberno de Feijóo de "rirse da lei", AGE reclama a retirada da norma que supón un retroceso na presenza do galego nas aulas e o BNG asegurou que a política lingüística do PP está a ocasionar graves danos á aprendizaxe do idioma propio de Galicia.
As críticas non lle chegaron ao PP só da oposición. Galicia Bilingüe, o colectivo que promoveu na época do bipartito unha campaña contra a normativa que daba prioridade ao galego nas aulas e ao que os populares brindaron apoios e promesas, considera que Feijóo "non" pode ampararse nesas sentenzas [as do TSXG] para non recoñecer certos dereitos nos que di crer". A asociación refírese ao "dereito" dos pais a elixir a lingua na que estudan os seus fillos, unha premisa á que se adheriu o presidente da Xunta cando estaba na oposición pero á que os tribunais non ven base legal. Galicia Bilingüe insta o PP a cambiar a Lei de Normalización Lingüística para ser coherente co que defendía e prometía na campaña electoral de 2009, a que o levou a reconquistar a Xunta.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario