Os estudantes
da Facultade de Belas Artes (Campus de Pontevedra) veñen de pór en
marcha unha nova web para dar a coñecer o talento das creadores
e creadores que alí se xuntan. Trátase de Espazo
23, unha coidada web, moi destacábel no formal e máis no
fondo, que recolle para si o nome do lugar onde se desenvolveron boa
parte das xuntanzas que deron orixe ao proxecto. A páxina, un espazo
no “que amosar o que facemos”, sinalan, adícase a dar conta dos
proxectos, nos eidos da arte e do deseño, tanto do alumnado como dos
estudantes que acadan cadansúas titulacións.
Trala posta en marcha
de Espazo 23, a xeito de
principais impulsoras, atópase un grupo constituído polas
artistas Ana Pérez, Dana Troiteiro, Bea Gregores, Arze, Miriam
Iglesias, Nerea Castro e Nuria Carbó. Nesta súa primeira andaina, a
web-exposición está a amosar as obras de estudantes e titulados
como Alba Fandiño, Carlos Aldao, Mónica Bastón ou o Carlos Aldao,
do estudo Huecocreativo. Segundo as impulsoras da iniciativa, Espazo
23 é o resultado final “dun proxecto que vén de longo, ao que
levabamos dándolle voltas moitos meses, e que pasou por moitas
fases, en constante evolución, e todo co propósito de avanzar desde
o actual formato, próximo ao dunha revista dixital, cara a un
formato e uns contidos máis experimentais”. Segundo indica, a
intención é que “evolucione cara algo máis próximo ao libro de
artista, neste caso dixital”.
Os primeiros contidos
abrangueron a realización de entrevistas a alumnos e egresados, coa
idea de dar a coñecer a iniciativa e axudar a que esta se consolide
e siga medrando. De feito, entre os retos vindeiros e inmediatos, as
responsábeis da web tentarán incorporar a novos alumnos e alumnas a
un proxecto “no cal todos poden participar e amosar o seu
traballo”, de tal maneira que “ideas e diferentes axuden tamén a
esa evolución” do portal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario