venres, 8 de abril de 2016

Folga estudantil o 13 de abril por “un ensino público de calidade”

“Erguer. Estudantes da Galiza” convoca manifestacións ás 12.00 horas nas principais cidades galegas para protestar pola LOMCE e o novo decreto universitário 3+2.

Erguer. Estudantes da Galiza” convoca para este 13 de abril unha manifestación xeral de estudantes, tanto no ensino medio como na universidade, por “un ensino público de calidade” e para rexeitando os “ataques constantes” da LOMCE e do novo decreto 3+2, estratexia universitaria 2020.
Este colectivo estudantil, que naceu este 2016 a través dun proceso de asembleas abertas e coa integración de varias organizacións, denuncia a “privatización” do ensino que, segundo di, está facendo o goberno do PP, especialmente, a través da LOMCE, “unha lei españolizadora, confesional, antipedagóxica, privatizadora, clasista e patriarcal que afonda na falla de igualdade de oportunidades no ensino”, di
Destaca que a nova normativa servirá para estabelecer unha clasificación dos centros en base á cal se repartirán os orzamentos, “non garantindo unha dotación de servizos digna e igualitária” e que afonda na recentralización de competencias educativas e na uniformización do ensino.
Neste sentido, tamén critican o novo  Decreto do 3+2 de universidade, aprobado polo Partido Popular no pasado ano. Este Decreto, enmarcado na chamada Estratexia Universitaria 2020, procura, segundo Erguer, “a mercantilización do ensino público, co obxectivo de converter as universidades nun criadeiro para as empresas capitalistas”.
“Coa implantación desta medida, son menosprezados todos aqueles graos que non cumpren coas expectativas de produtividade dun sistema que só busca a creación de man de obra barata, no canto de individuos con capacidade crítica”, engade. Por isso, denuncia que os recortes abocan o ensino público galego a “unha extrema precarización e a un retroceso na calidade da mesma, remontándonos a medidas franquistas como as reválidas que instaura a LOMCE”.
Por iso, esta organización chama a manifestacións estudantis nas principais cidades galegas que terán lugar o vindeiro 13 de abril ás 12.00 horas

Ningún comentario:

Publicar un comentario