mércores, 27 de abril de 2016

O CiTIUS convoca cinco bolsas de verán para iniciar estudantes na investigación TIC

O CiTIUS (Centro de Investigación en Tecnoloxías da información da Universidade de Santiago) vén de convocar cinco bolsas de verán cuxo obxectivo é iniciar e afianzar no ámbito investigador TIC a outros tantos estudantes. O requisito que se lles esixe é ter rematado o terceiro curso do grao en Informática ou de Telecomunicacións, Matemáticas, Física ou disciplinas semellantes. Os aspirantes poderán optar ás cinco prazas que convoca o CiTIUS co seu programa de Bolsas de Investigación Verán 2016. Tamén poderán concorrer quen teña superado 140 créditos cunha nota media igual ou superior a 8,0. Cada unha das bolsas está dotada con 700 euros e unha axuda económica por gastos de traslado.
Segundo informa a dirección do centro, con esta iniciativa “ofrecemos aos participantes a oportunidade de viviren unha experiencia investigadora coa que poderán aproximarse ás últimas tecnoloxías relacionadas co Big Data, a Visión Artificial ou os últimos avances en técnicas de ensino para o tratamento de información temporal”.
Nun plano máis concreto, terán ocasión (durante o mes de xullo) de traballar directamente cos investigadores principais do centro nunha das liñas de investigación incluídas nos Programas Científicos, así como participar en relatorios e ciclos formativos que terán lugar durante a túa estadía.
Os Programas Científicos entre os que se poderán elixir son os de Computación de altas prestacións e computación na nube; eSaúde; Enxeñaría de datos; Intelixencia ambiental e interfaces multimodais, Intelixencia de negocio e na web; Robots persoais; e Visión artificial. As persoas interesadas deberán remitir a documentación requirida a citius.idi@usc.es indicando no asunto “Bolsa de verán” antes das 23.59 horas do 22 de maio. As bases da convocatoria (en PDF) e o formulario de solicitude poderá descargarse da web.

Ningún comentario:

Publicar un comentario