mércores, 20 de abril de 2016

O Correlingua percorrerá unha ducia de localidades entre o 2 e 16 de maio

'O galego está en nós' é o lema da XVI edición da carreira pola lingua. 

Esta terza feira (19 de abril) foi presentada en Pontevedra a XVI edición do Correlingua que decorrerá baixo o lema 'O galego está en nós', inspirado nun dos poemas de Manuel María, poeta ao que lle son dedicadas as Letras 2016.
Zënzar, Liviao de Marrao e Pito de Pikaso actuarán ao final das carreiras após seren eleitas gañadoras do Cantalingua
A campaña desenvolverá unha ducia de carreiras en defensa do galego que percorrerán doce localidades do país entre os días 2 e 16 de maio das que fará parte o alumnado de diversos centros educativos do país. O Correlingua está organizado pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Mesa pola Normalización Lingüística coa colaboración dos concellos de Pontevedra, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Ourense, e as Deputacións de Lugo, Pontevedra e a Coruña.
Cartaz do CorrelinguaPorén, as actividades arredor do Correlingua iniciáronse a comezos do curso escolar coa convocatoria de diversos concursos através dos que o estudantado "reflexiona sobre a situación do noso idioma e crea os seus propios argumentos (manifesto, vídeo, banda deseñada) para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego", explican desde a organización.
Neste senso, no acto de presentación foron entregados os premios aos grupos de estudantes gañadores. O alumnado de 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo pola peza 'Os portugas' como mellor Manifesto; o alumnado de 3º da ESO do IES de Elviña na disciplina de vídeo e o estudantado de 2º de Primaria do CEIP de Pontecesures no certame de Banda Deseñada.
De maneira parella, o Correlingua desenvolve un concurso de bandas e artistas en lingua galega, o Cantalingua, cuxos gañadores, elixidos polo alumnado e profesorado de diversos centros, foron nesta edición Zënzar, Liviao de Marrao e Pito de Pikaso. Estes grupos actuarán na festa final coa que concluirán as carreiras pola lingua e da que fará parte tamén o grupo teatral Talía Teatro.
Tamén foi presentado o cartaz que, nesta edición, conta coa colaboración de caras coñecidas como a da cantante Sés, o futbolista Sergio Álvarez, a escritora Leticia Costas e o actor Federico Pérez

Ningún comentario:

Publicar un comentario