venres, 8 de abril de 2016

Galicia participa nun dos mellores proxectos europeos LIFE+ de medio ambiente

A Univesidade de Santiago e Viaqua participan no proxecto LIFE+ Aquaenvec, desenvolvido en localidaces galegas e catalás, e que vén de ser premiado pola Unión Europea.

O proxecto LIFE+ Aquaenvec no que participa a Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaba de ser declarado pola Unión Europea como o Mellor Proxecto LIFE+ de Medio Ambiente en 2015, xunto con outros 24 proxectos, pola súa análise da ecoeficiencia do sistema integral do ciclo urbano da auga que inclúe potabilización, rede de distribución e de sumidoiros e tratamentos das augas residuais. 
Coordinado polo Centro Tecnolóxico CETAQUA, e coa participación ademais das Universidades Autónoma de Cataluña e de Valencia, en Galicia contouse tamén coa colaboración de VIAQUA.
O traballo da USC no proxecto correu da man do Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química, liderado polos profesores Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira. Este equipo foi o encargado de estudar as cargas ambientais e os custes económicos da etapa de tratamento das augas residuais, así como de definir as accións de mellora que permitan atinxir a ecoeficiencia das tecnoloxías aplicadas na súa xestión.
De forma específica, no proxecto calculáronse os principais impactos ambientais (cambio climático, eutrofización, destrución de capa de ozono e demanda enerxética) e os custes asociados a cada unha das etapas do ciclo de vida da auga, que en conxunto permiten determinar a ecoeficiencia segundo a metodoloxía ISO 14045. 
Betanzos e Calafell 
O proxecto desenvolveuse en diferentes cidades pequenas e medianas de Galicia e Cataluña, con Betanzos e Calafell como casos de estudo referentes que obtiveron a certificación na devandita norma ISO para os seus ciclos urbanos de auga, sendo os primeiros certificados emitidos en España por AENOR para esta normativa internacional. A selección destas cidades da rexión atlántica e mediterránea permitiu comparar zonas con diferenzas climáticas, de cantidade e calidade dos recursos hídricos e do uso da auga.
Como resultado da investigación creouse unha ferramenta libre en web (http://tool.life-aquaenvec.eu/en) para que as empresas do sector, concellos e consumidores teñan información para a toma de decisións que melloren a relación entre o impacto ambiental e o custe das actividades da xestión e explotación da auga.
O proxecto deu lugar á publicación de diversos artigos científicos en revistas internacionais de elevado índice de impacto nas categorías ‘Environmental Science’ e ‘Environmental Engineering’: Environmental Impact Assessment Review, Journal of Cleaner Production, Science of Total Environment e Water Research, informa a USC.

Ningún comentario:

Publicar un comentario