martes, 19 de abril de 2016

Demo Editorial renova a súa páxina web incorporándolle tenda en liña

Demo Editorial, o proxecto empresarial nacido das ansias de autoeditar por parte do autor de banda deseñada Manel Cráneo en 2008, renovou hoxe a súa páxina web, de xeito que agora conta cun deseño moderno e adaptado a dispositivos móbiles, aínda que o máis importante deste novo curruncho na Rede é que, aparte de manter organizados os catálogos de coleccións e autores desta editorial de banda deseñada en galego, incorpora unha tenda en liña con gastos de envío de balde para pedidos en territorio peninsular de até 2 quilogramos empregando o servizo de Correos (entréganse en entre 3 e 7 días), de 2,99 euros por mensaxería para pedidos de até 5 quilogramos (que sairía de balde para pedidos de máis de 25 euros, e recíbense en 48-72 horas) e de 5,99 euros para pedidos urxentes (en 24 horas). Demo Editorial tamén comercializa a través da súa páxina web unha completa oferta de mercadotecnia do Planeta Mincha.

Mellora da distribución da BD galega

Aínda que Demo Editorial ten na súa esencia a edición en galego, non se pecha portas, e na colección de fantasía e ciencia-ficción HäinöS contan con algunha obra en español, á vez que tamén poden presumir do feito de que o Sen Mirar Atrás de Dani Montero, non só gañou o Premio Castelao en 2009, senón que tamén puido verse editada en galego, español e alemán, polo que a banda deseñada galega pode traspasar fronteiras.
Na tenda en liña pódense adquirir as obras de Demo Editorial dende calquera curruncho da Península Ibérica.
No catálogo da editora de Manel Cráneo podemos atopar tanto a autores que podemos considerar auténticos clásicos do panorama galego, até novos autores, conseguindo así un resultado moi diverso que facilita que a súa produción editorial poida chegar a un público moi diverso, que cada día ten menos presente a barreira xeográfica para poder facerse con banda deseñada en galego xa que, aparte da nova tenda en liña, Demo Editorial tamén conta cunha boa selección de librarías especializadas repartidas por toda Galicia, mentres que fóra do noso territorio tamén está presente nalgunhas das librarías máis senlleiras do Estado.
DestiNo HëRgüsS naceu dun proxecto de micromecenado que propiciou que o álbum vese a luz hai pouco máis dun ano

O micromecenado ao rescate

Entre as últimas obras publicadas por Demo Editorial non podemos evitar destacar ao DestiNo HëRgüsS, álbum de 124 páxinas a toda cor que naceu dun proxecto de micromecenado que incluso foi destacado por Verkami como un dos 3 proxectos de máis éxito en Galicia dentro desta plataforma de crowdfunding nos seus 4 primeiros anos de actividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario