luns, 25 de abril de 2016

As universidades galegas soben postos no ranking dos campus máis comprometidos co open source

O Observatorio Tecnolóxico PortalProgramas fixo de novo (por quinta vez) o seu Ranking de Universidades en Software Libre (RuSL 2016), un estudio que se ocupa de medir o compromiso, emprego e divulgación das vantaxes e usos e implicacións das ferramentas abertas nas 76 universidades estatais e en 144 universidades latinoamericanas. Respecto do papel despregado polos nosos campus, un ano máis foi moi destacado. Como lembraremos, o ano pasado as universidades foron quen de situarse entre as dez primeiras clasificadas: a da Coruña no sexto posto, a de Santiago no oitavo e a de Vigo no décimo. O novo informe de PortalProgramas reflicte un compromiso aínda máis grande das nosas institucións académicas co software libre: a de Coruña sobe ao quinto posto, a de Santiago ao sexto e a de Vigo ao sétimo.
Segundo sinalan os creadores da investigación, isto supón a confirmación definitiva do esforzo das nosas universidades a prol da cultura informática aberta e a prol de visualizar ante o mundo os beneficios (múltiples) da mesma. Ademais, o destacábel papel xogado polos nosos campus amosa, en detalle, “as vantaxes que fornece a súa oficina conxunta de software libre á comunidade de Galicia e marcan, con isto, un exemplo que outras comunidades poderían seguir”, sinalan dende PortalProgramas.
Segundo nos contan dende a USC, RuSL é unha clasificación especializada que artella e ordena as universidades en función de 65 indicadores que miden o traballo que realiza cada unha delas no ámbito do coñecemento libre dende todos os seus estamentos. O traballo levouno a cabo unha comisión de expertos do sector coa colaboración das propias universidades. En total avaliáronse once dimensións: Produción, Colaboración externa, Investigación, Axuda, Docencia, Cultura en software libre, Tecnolóxicos, Divulgación, Webmetría, Institución e Administración. Cada una delas ten á súa vez unha serie de indicadores de valor específico.
A metodoloxía de RuSL segue os principios expostos polo IREG (International Ranking Experts Group), un grupo de expertos designados pola UNESCO que desenvolveu os principios de Berlín para valorar Institucións de Educación Superior e que serven para unificar as metodoloxías que se seguen na elaboración dos rankings e así poder comparalos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario