venres, 15 de abril de 2016

Educación e o CPEIG volven xuntar forzas para achegar recursos e ferramentas tecnolóxicas á comunidade educativa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia (CPEIG) ratifican un ano máis o seu acordo de colaboración no ámbito educativo a través da sexta edición do Navega con Rumbo e da segunda edición da Programación nas Escolas, dúas iniciativas que teñen como finalidade principal o desenvolvemento das competencias dixitais dos alumnado e a súa plena integración na nova contorna dixital. O acordo concretouse esta mañá coa súa sinatura por parte do conselleiro Román Rodríguez e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Tanto o Navega con rumbo como Programación nas escolas son actividades dirixidas ao conxunto da comunidade escolar dos centros Abalar, é dicir, aqueles centros que contan con aulas dixitais e que a día de hoxe xa abrangue a uns 120.000 alumnos de 900 centros públicos.

Navega con Rumbo

O programa Navega con Rumbo, que xa vai pola súa sexta edición, abrangue tanto ao alumnado como aos docentes e ás familias. É dicir, por unha banda está encamiñado directamente aos escolares para guialos cara unha navegación segura, responsable e útil en internet e, deste xeito, previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso; e doutra banda, tamén fai partícipes aos pais, nais e profesores das recomendacións precisas e que, á súa vez, actúen como correa de transmisión.
Para tal fin, o Colexio de Enxeñeiros encargarase de realizar xornadas divulgativas nos centros escolares Abalar de toda Galicia que neste curso chegará a uns 181 centros de toda Galicia. Desde que se iniciou o programa no curso 10-11, o programa xa se impartiu en 450 colexios e institutos, e nas actividades realizadas ao seu abeiro participaron arredor de 65.000 persoas, na súa maior parte alumnado. Ademais, o programa está apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG e dispoñibles vía web.

Programación nas EscolasA outra das iniciativas, Programación nas escolas, renóvase por segundo ano consecutivo tras poñerse en marcha no curso pasado como unha acción pioneira para iniciar aos escolares na linguaxe da programación informática. Uns dez centros escolares de Primaria (que se suman aos outros dez da primeira edición) beneficiaranse neste curso desta iniciativa na os rapaces e rapazas aprenden a programar dun xeito lúdico e proactivo. Para elo, ofrécenselle as ferramentas axeitadas para que comprendan que é un ordenador, como funciona, e como eles mesmos poden crear sinxelas aplicacións interactivas como videoxogos ou animacións, entre outros.
Cómpre lembrar que a materia de Programación (que se oferta por primeira vez neste curso) está sendo cursada por 1.785 alumnos de 50 centros de Secundaria de toda Galicia, o que da idea da importante demanda que ten este eido entre os rapaces e rapazas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario