O Centro
Tecnolóxico Gradiant está a presentar estes días os obxectivos e
funcionalidades do proxecto SIMPLIFY, cuxo obxectivo será
achegar ferramentas de soporte ao educador que lle axuden a entender
mellor o proceso de aprendizaxe e os posíbeis problemas neste ámbito
dos seus alumnos. A maiores, unha das finalidades básicas do
proxecto é acadar que os mestres adiquen menos esforzo ás tarefas
máis rutineiras de supervisión ao mesmo tempo que se fornece un
mecanismo de reforzo da aprendizaxe. En palabras de Gradiant,
“facilitará o smart working na aula”. Detrás
de SIMPLIFY atópase un consorcio liderado pola empresa Ednon,
con sede en Santiago, que se completa coa presenza da firma Oceano e
do Centro Tecnolóxico Gradiant.
En termos concretos, o
proxecto impulsa e reforza a asimilación de coñecemento dos
estudantes botando man de técnicas propias dos eidos do learning
analytics (analíticas de ensino) e a psicometría. O sistema,
engade o centro tecnolóxico, analiza de maneira continua os datos
que producen os alumnos na súa interacción coa contorna educativa,
amais de xerar un modelo visual do alumno. Nun plano aínda máis
concreto, a tecnoloxía que pon en xogo SIMPLIFY determina, de xeito
intelixente, que información é a verdadeiramente relevante para o
profesor nun con contexto dado, amosándoa en detalle e evitando,
desta maneira, un exceso de datos que poida devir “nun fenómeno de
parálise por análise”.
SIMPLIFY, prosegue
Gradiant, dotará aos profesores de informes automáticos de
actividade cos que identifiquen posíbeis problemas nas actividades
asignadas, o que lles deixaría marxe de abonda para prepararen e
adaptaren con antelación as súas clases presenciais. Igualmente, o
sistema posibilitará integrar información introducida polo profesor
con trazas xeradas de maneira automática polos contidos, “ofrecendo
así soporte para a avaliación da aprendizaxe baseada en proxectos
(PBL) ou a avaliación por competencias desde unha plataforma única”.
Todos estes recursos e
potencialidades terán como consecuencia, sen dúbida, unha mellor e
máis exhaustiva atención á diversidade na aula. Ao fío disto e de
todo o devandito, o proxecto inclúe na súa formulación a
realización dos seguintes desenvolvementos técnicos: Dashboard
intelixente para o profesor integrado sobre o seu LMS (que realiza un
seguimento do alumnado e amosa as súas principais dificultades),
contidos educativos dotados de capacidades analíticas (que lles
permiten aos mestres adaptarse de maneira autónoma aos distintos
graos de diversidade da clase e ofrecer, en detalle, información
sobre a súa eficacia docente) e desenvolvemento dun titor adaptativo
para o reforzo escolar que de maneira periódica fará repasar ao
alumno materias pasadas (sen intervención do profesor) co obxecto de
afianzar os seus coñecementos. Ademais, completando a listaxe de
desenvolvementos técnicos, fornécese unha funcionalidade de
xeración automática de informes personalizados para a comunicación
coas familias.
A contribución de
Gradiant
Gradiant, para dar
completo soporte a este proxecto, dispón dun equipo de traballo
especializado en eLearning. Os seus profesionais dispoñen
tanto de coñecemento pedagóxico como tecnolóxico, actuando como
dinamizadores do traballo conxunto de tecnólogos e pedagogos. Son
especialistas en learning analytics e psicometría. Dentro de
SIMPLIFY, Gradiant encárgase do desenvolvemento dos módulos puros
de I+D+i e, en especial, do motor psicométrico que alimenta o
sistema.
Ningún comentario:
Publicar un comentario