xoves, 21 de abril de 2016

Un informe debulla a situación da divulgación da ciencia e a tecnoloxía en Galicia

Durante a xornada de hoxe a Consello da Cultura Galega serviu de escenario para a presentación do Informe sobre a Divulgación da Ciencia en Galicia, que está dispoñible para a súa consulta en liña, así como para a súa descarga en formato PDF, e que permite debuxar unha vista xeral dos proxectos de divulgación da ciencia e a tecnoloxía en Galicia, dando conta da súa importancia social e dos avances na capacidade de comunicación que se foron desenvolvendo nos últimos anos. O informe tamén busca identificar as eivas e os atrancos que en moitas ocasións dificultan a creación de novos proxectos ou o mantemento a longo prazo dos existentes. Deste xeito temos unha ferramenta de utilidade para divulgadores, colectivos, xestores e institucións que queiran desenvolver actividades de divulgación eficaces.
Xurxo Mariño foi o científico que coordinou o documento presentado hoxe, nun acto no que os protagonistas da divulgación científica deron conta dos problemas de financiamento, a variedade de propostas e a reducida presenza da ciencia nos medios.
O informe está organizado por capítulos, que se corresponden con ámbitos analizados, como os medios de comunicación, os museos, as institucións e as empresas. No que ten que ver co apartado destinado á prensa impresa, o informe cuantifica nun 2,5 % a superficie total dos xornais que se destina a novas de ámbito científico. A inexistencia de suplementos especializados, revistas ou seccións dentro do xornal son outras das realidades que se describen. O documento tamén destaca a desaparición de programas especializados no medio televisivo, a escasa presenza na radio así como as iniciativas puntuais e voluntariosas na Rede.
Os contidos da xornada poden consultarse a través da súa gravación en vídeo dispoñible na páxina web do Consello da Cultura Galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario