O proxecto busca busca fornecer o profesorado, a través das novas tecnoloxías, de recursos didácticos que permitan traballar os contidos educativos relacionados co Día das LetrasNa presentación do proxecto interviron o director do CEIP, Antonio Leonardo Pastor; o secretario da Academia, Henrique Monteagudo; a coordinadora de normalización lingüística do colexio, Begoña Mosquera, e o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. As académicas Rosario Álvarez e Margarita Ledo e Saleta Goy, viúva de Manuel María, tamén participaron, xunto a outros membros da comunidade escolar, nun acto no que se buscou que o protagonismo estivese no propio alumnado participante. De feito, dous grupos de estudantes recitaron os poemas de Manuel María “Galiza”, de Os soños na gaiola; e “A Fala”, de As rúas do vento ceibe; e outro interpretou o rap Manuel María, que inclúe o retrouso: “Letras Galegas 2016 / con Manuel María /queremos aprender! /Escritor comprometido /coa nosa Galiza /escoita o que cantamos / non teñas preguiza!”.
Henrique Monteagudo foi o encargado de presentar un proxecto que “nace da demanda sobre todo do profesorado e dunha preocupación da Academia”. “Recibimos con moita frecuencia visitas de estudantes e os profesores sempre nos fan notar a conveniencia de que a RAG cree materiais didácticos relacionados coa lingua e a literatura galega”, explicou. As actividades das fichas didácticas están interrelacionadas con distintos contidos do currículo escolar para facilitar un enfoque globalizador e interdisciplinar. Deste xeito, poderanse traballar na aula contidos de literatura galega, a expresión oral e escrita, aspectos relacionados co coñecemento do medio natural, as ciencias sociais ou a educación artística e a creatividade. Todo isto, a través do universo literario de Manuel María, “unha figura especialmente adecuada para iniciar este proxecto, pola importancia que ten a obra que dedicou de forma específica ao público infantil”, e na que "abondan os versos referidos aos ríos, a paisaxe e outros elementos do medio natural", concluíu Monteagudo.
Manuel María é “unha figura especialmente adecuada para iniciar este proxecto, pola importancia que ten a obra que dedicou de forma específica ao público infantil”, destacou MonteagudoPrimavera das Letras arrinca cunha ficha na que se explica a orixe do Día das Letras Galegas e tamén coa sección Manuel María, unha vida de poema, na que a biografía do autor se escribe a través de poemas como Carné de identidade e se propón ao alumnado, entre outras cousas, que escriba o seu propio carné en verso ou converterse en xornalista para recoller testemuños sobre o uso do carro, ao que Manuel María lle dedicou un dos seus poemas máis populares.
O proxecto non só recorre á obra de Manuel María para o público infantil, tamén aproveita outros versos que poden ser igualmente empregados nas escolas para abordar, ademais da lingua e da literatura en si mesmas, contidos relacionados co mundo animal ou a xeografía. Ademais, a web da Academia ofrece na sección Letras Galegas un percorrido biográfico e imaxes da vida de Manuel María, e tamén está a actualizarse con entrevistas, poemas comentados ou reportaxes sobre a figura homenaxeada na sección Novas, que se visualiza desde a páxina de inicio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario