xoves, 14 de abril de 2016

Model2Market apoia novas ideas de negocio da comunidade universitaria

O evento formará parte da feira iberoamericana Spin2016 en Compostela.

Fortalecer modelos de negocios nados na universidade é o obxectivo do programa Model2Market, que busca proxectos innovadores con alto potencial de crecemento que poidan materializarse en empresa no prazo dun ano aproximadamente ou ben empresas de moi recente creación promovidas por estudantes, investigadores, docentes e egresados de universidades iberoamericanas.
Cun prazo de inscrición que remata o vindeiro 15 de abril, na presente edición vaise prestar apoio directo a 100 proxectos e repartir 100.000 euros en premios. Na edición 2014 presentáronse case 150 modelos de negocios de 10 países e de medio centenar de universidades.
Model2Market quere fortalecer modelos de negocio nacidos na universidade que destaquen polo seu elevado grao de innovación e potencial de impacto social e económico. A iniciativa desenvolverase no marco de Spin2016 , o maior evento dedicado ao emprendemento universitario iberoamericano, que se celebrará este outono en Compostela en colaboración con Banco Santander, a través de Santander Universidades, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Xunta de Galicia.
Para participar en Model2Market tan só é necesario cubrir o formulario dispoñible no web do programa (www.spin2016.org/m2m), engadindo un cv do equipo emprendedor, un resumo do modelo de negocio, un Vídeo-pitch, canvas do modelo de negocio e a acreditación do vínculo dun participante cunha institución de educación superior.

Ningún comentario:

Publicar un comentario