xoves, 14 de abril de 2016

O estudantado galego secunda masivamente a folga contra a LOMCE e o decreto 3+2

Durante o paro, que afectou ao ensino medio e superior, realizáronse manifestacións e concentracións por todo o país.

A xornada de folga convocada para este mércores 13 de abril no ensino medio e superior tivo un seguimento masivo, con aulas baleiras, centros de ensino pechados e miles de estudantes manifestándose nas rúas de toda Galiza na defensa do ensino público, na demanda da supresión da LOMCE e pola non implantación do denominado “decreto 3+2”.
Galería de imaxes das mobilizacións realizadas con motivo da folgaPara a CIG-Ensino a resposta dada polo alumnado galego á convocatoria da folga supón un “clamor rotundo e unánime” na esixencia da paralización e derrogación da LOMCE e da proposta de cambio normativo nos plans de estudos universitarios, así como un claro rexeitamento aos recortes no ensino público.
O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, subliña que o éxito da folga é unha chamada de atención á Consellaría de Educación e a constatación do rexeitamento ás políticas educativas aplicadas polo PP. “O goberno de Feijoo ten que cesar no seu intento de continuar realizando a proba xeral de 3º de Primaria e a proba de avaliación final de 6º de Primaria, como prólogo das futuras reválidas”, aseverou.
O interese por convocar as mencionadas probas neste curso“evidencia de que sufrimos unha Consellaría que actúa exclusivamente en función dos seus intereses ideolóxicos e partidarios e con total submisión ao Goberno de Madrid, no canto de proceder en función das necesidades do sistema educativo galego”, denuncia.
Louzao subliñou que nesta xornada de folga ficou demostrado tamén que tanto o estudantado como para a comunidade educativa no seu conxunto, nomeadamente a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, consideran que a LOMCE é un ataque frontal ao ensino público, supón avanzar na privatización, destinar e desviar máis cartos públicos ao ensino privado e concertado, e unha maior centralización e españolización do sistema educativo.
“Consecuentemente, prosegue Louzao, ponse en cuestión o dereito á educación e aséstase un novo golpe ás clases populares. A igualdade de oportunidades é inexistente. Estabelécese un marco xurídico-normativo que avanza cara unha educación máis elitista, confesional, españolizadora, privatizadora que imposibilita a educación como un dereito fundamental”.
Neste senso, a CIG-Ensino considera que “é totalmente inaceptábel que a Consellaría de Educación continúe obcecada coa aplicación da LOMCE, malia a constatación de que está a supor unha involución educativa e un deterioro do ensino público”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario