mércores, 27 de abril de 2016

En 184 concellos a idade media supera xa os 50 anos

O envellecemento é un problema que afecta a toda Galicia, cunha idade media por riba dos 46 anos (46,24), só inferior á de Asturias (47,24) e Castela-León (46,5) e unha taxa de natalidade moi baixa (7,2 nacementos por cada mil habitantes), mellorando unicamente os datos de Asturias (6,3). Falla, igualmente, a remuda xeracional para a poboación que se xubila e así por cada 100 persoas de entre 15 e 19 anos hai máis de 161 entre 60 e 64. Porén, hai moitas diferenzas no interior da comunidade, con concellos cunha poboación máis nova e máis nacementos de nenos e nenas (sobre todo nas áreas urbanas) e outros nos que o envellecemento é moito máis grave, con áreas enteiras do país (nomeadamente nas provincias de Ourense e Lugo con medias de idade que se achegan aos 60 anos.
Hai 184 concellos (máis da metade) en que a media de idade da súa poboación supera os 50 anos e 85 nos que a media de idade é superior aos 55
De feito, hai 184 concellos (máis da metade) en que a media de idade da súa poboación supera os 50 anos e 85 nos que a media de idade é superior aos 55. O reverso desta realidade é a situación de Ames (38,6 anos) ou Salceda de Caselas (39,5), as únicas localidades cuxa poboación se sitúa por debaixo dos 40 anos. Oroso, Ponteareas, Porriño, Arteixo, Culleredo ou Barbadás superan por pouco ese número. En total, son 20 as vilas e cidades que baixan dos 43 anos de idade media. Con todo, mesmo nestes concellos a situación é máis que mellorable, se comparamos os datos coa idade media española (42,43 anos).

En 2014 O Porriño, Ames, Salceda de Caselas, Pontecesures, Soutomaior, Ribadumia, Oroso e Brion foron as únicas localidades con taxas de natalidade superiores ao 10 por mil
Hai, pois, unha Galicia máis nova, que presenta igualmente as taxas brutas de natalidade máis elevadas. A media galega (moi baixa) é de 7,2 nacementos por cada mil habitantes. Tan só 62 concellos se sitúan por riba desta cifra. O resto presenta datos de natalidade moi inferiores. No ano 2014 O Porriño, Ames, Salceda de Caselas, Pontecesures, Soutomaior, Ribadumia, Oroso e Brion foron as únicas localidades con taxas superiores ao 10 por mil. A maior parte destas vilas sitúanse nas provincias da Coruña e Pontevedra, nomeadamente seguindo o eixo da AP9 entre A Coruña e Tui, e nas comarcas de Compostela, O Salnés, O Morrazo e O Baixo Miño. Tamén os concellos da Mariña lucense presentan bos datos e cómpre salientar igualmente os números dun grupo de concellos ourensáns, coma O Pereiro de Aguiar, O Carballiño, Allariz ou Xinzo de Limia.

Outros indicadores amosan igualmente esta realidade de envellecemento xeral en todo país, aínda que con importantes desequilibrios internos. Hai tan só 19 concellos nos que hai máis poboación menor de 20 anos que maior de 65. Pola contra, hai un total de 137 localidades (un terzo do total) nas que esta poboación de menos de 20 anos representa menos do 10% dos seus habitantes. Hai 148 concellos (case a metade) nos que máis dun terzo da súa poboación ten máis de 65 anos. En oito deles (San Xoán de Río, Larouco, A Teixeira, Calvos de Randín, Parada de Sil, Verea, O Bolo e Ourol) a poboación por riba de 65 anos é maioritaria. 
Hai tan só 19 concellos nos que hai máis poboación menor de 20 anos que maior de 65
Un parámetro moi importante a ter en conta é o Índice de recambio da poboación en idade activa, resultante da relación entre as persoas que teñen 60-64 anos e que, polo tanto, están a piques de xubilarse, e as persoas entre 15-19, que están a piques de ingresar na poboación activa, relevando ás que chegan á idade do retiro. Cando un grupo é igual ao outro o índice é 100, cando o grupo de maior idade duplica ao da poboación moza, o índice é 200. Dende o ano 2004 non hai remuda xeracional en Galicia, e en 2015 ao índice situouse en 161.
En 182 concellos o índice de recambio da poboación en idade activa é superior a 200, polo que por cada persoa que accede á idade activa, xubílanse -cando menos- dúas
Hai tan só 5 concellos nos que o índice é inferior a 100 (o que significa que a poboación de 15 a 19 é superior á de 60 a 64). Trátase de Ames, Salceda, Mondariz-Balneario, Barbadás e O Barco. Noutras 127 localidades, o índice sitúase entre 100 e 200. No resto (182 concellos) o índice é superior a 200, polo que por cada persoa que accede á idade activa, xubílanse -cando menos- dúas. En 70 concellos o índice é superior a 300.

Ningún comentario:

Publicar un comentario