23 concellos integran xa a iniciativa, impulsada dende Carballo para promover a socialización da infancia en galegoO Centro Ágora da Coruña acolleu o acto formal de adhesión de once novos concellos como promotores de Apego. O propio concello anfitrión, xunto con Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo súmanse aos que lanzaron o programa para constituíren unha rede de 23 municipios cuxa veciñanza está composta por 1,1 millóns de persoas. Os 'Arrolos de salitre' de Xabier Díaz e Guillerme Fernández puxéronlle música a un acto no que o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, subliñou a "naturalidade" coa que o actual Goberno local "empregou a lingua galega desde o primeiro día", "desbotando os tópicos que hai sobre a nosa lingua e a cidade da Coruña".
"Algúns nenos e nenas aínda ven o galego como algo exótico"No entanto, di o rexedor, "somos conscientes das ameazas que rodean á lingua propia de Galicia", a comezar por que "algúns nenos e nenas da cidade aínda ven o galego como algo exótico", por iso "son fundamentais programas" como Apego. "É necesario -di Ferreiro- fomentar discursos de promoción do galego que sexan actractivos para a rapazada" e, ao tempo, lembrar a necesidade "dunha política activa a prol do galego" por parte da Xunta, no canto de "aquelas que pasan por recortar o seu espazo". No nome dos concellos que se incorporan ao programa interviñeron tamén as alcaldesas de Moaña e Muros, Leticia Santos e María Xosé Alfonso, e mais os alcaldes da Baña e Negreira, José Andrés García e Jorge Tuñas.
A Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL) está por tras do impulso inicial dun programa que se apoia esencialmente nos servizos de normalización de cada concello e que agora, resaltan, "poderá chegar a máis familias", entre elas as das "principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia". Dende o inicio da súa andaina, resaltan, Apego abrangue "diferentes contextos da vida dos nenos e nenas": "Deseñáronse e distribuíronse materiais específicos, organizáronse actividades, achegáronse argumentos para familias e profesionais", todo isto dende "a valoración positiva da lingua" e dende a necesidade dun compromiso "colectivo e individual" coa transmisión do idioma.
O proxecto ofrece recursos para socializar as nenas e nenos en galego "dende unha valoración positiva da lingua"Así, por exemplo Apego ofrece un decálogo de razóns "para falarlles galego dende o principio" aos novos membros da familia, promove os nomes galegos para as nenas e nenos, organiza actividades como obras de teatro, sesións de contacontos ou concertos e propón agasallos útiles para normalizar o uso do galego no lecer. Ademais, a través da súa web, o proxecto ofrece recursos para incorporar o galego na vida cotiá durante os primeiros anos de vida: arrolos, palabras para medrar, convites para as festas e mesmo un libro para que as familias preparen "a acollida das crianzas" poden ser descargadas de balde. Boa parte destes recursos inclúense na caixa de Apego, que os concellos de participantes entregan ás familias que van ter un bebé e así o soliciten.
Ningún comentario:
Publicar un comentario