Estes días
celébrase na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
(Campus de Pontevedra) o curso Incrementa a túa visibilidade
online, unha actividade que, como o seu propio nome indica,
diríxese a fornecernos recursos para “existir” na Rede e
atesourar o meirande número de visitas e contactos. Como ben di a
consultora María Saez, profesora da actividade formativa (xunto coa
experta en mercadotecnia Cristina Costa), “hoxe en día xa non nos
conectamos a Internet, vivimos en Internet”. O obradoiro, de 30
horas de duración, dá acollida dende hai semanas (todos os xoves) a
20 estudantes. O obxectivo central: dotalos das nocións básicas
para o deseño dunha estratexia conducente a incrementar a presenza e
visibilidade na rede de persoas, empresas ou colectivos.
O curso conta coa
profesora Mónica Valderrama (CSSS e da Comunicación) en labores de
coordinación. A actividade, segundo informan, vai “do teórico ao
práctico”, procurando que alumnos e alumnas poñan en práctica os
coñecementos adquiridos no desenvolvemento dun caso ficticio: o
deseño dunha estratexia de mercadotecnia dixital para unha tenda de
noivas en liña. As responsábeis do obradoiro sinalan que “unha
das cousas máis importantes que queremos facer entender aos
estudantes é que, á hora de incrementar a visibilidade na Rede,
“non hai unha receita máxica que funcione para todos os casos”.
As liñas de acción son do máis variado: dende accións para a
optimización do posicionamento en buscadores, á publicidade dixital
ou a xestión de contidos en redes sociais. De feito, nuns tempos nos
que as persoas “interactúan e consumen” a través da Rede, non
contar cunha adecuada presenza en Internet supón, como engade Saez,
“limitar o noso potencial dunha forma moi importante, por non dicir
crítica”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario