luns, 18 de abril de 2016

330 amantes da informática cítanse na Technium de Ourense

É a cuarta edición do certame, organizado polos alumnos de Enxeñería Informática.

A Technium Lan Party 2016 abre este xoves as súas portas. Ata o domingo, a cita congregará no Pavillón de Deportes do campus de Ourense a arredor de 330 amantes da informática que compartirán catro días de diversión diante da pantalla dos seus ordenadores. Haberá tempo e ancho de banda suficientes para xogar en rede, para intercambiar arquivos e coñecementos e para desenvolver un amplo programa de actividades que terán como obxectivo último compartir a paixón polas novas tecnoloxías e os mundos virtuais.

“Esta será a cuarta edición da Technium Lan Party. Despois de tres anos, a súa organización, aínda que é complexa, xa está moi rodada polo que agardamos que de novo sexa un éxito”, explica Edgar Ruíz, en representación dos estudantes organizadores, a Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática (ASEII). O número de postos habilitados nesta ocasión, apunta, son os que pode asumir o recinto, e esgotáronse como en anos anteriores. Cunha idade maioritaria situada entre os 18 e os 25 anos, sinala, o público que acode a esta cita é maioritariamente galego, aínda que vén xente de cidades como Cádiz ou Alacante. “O que xa temos é un público fiel que acode edición tras edición e iso é moi satisfactorio para nós porque significa que lles gusta a Technium e repiten”, recalca Edgar Ruíz.
Haberá torneos dos xogos en liña máis seguidos a nivel internacional
A cita, que conta coa colaboración Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Vicerreitoría do Campus de Ourense, permite aos inscritos facer un uso continuado das súas instalacións, podendo quedar a durmir no Pavillón e podendo conectarse as 24 horas. Durante o día e durante a noite, os participantes poden empregar os seus equipos para os seus temas de interese pero tamén participar nun amplo abano de actividadades que buscan diversificar a programación. Deste xeito, haberá torneos de League of Legends e Counter-Strike: Global Offensive, dous dos xogos máis seguidos no ámbito internacional, e de FIFA 2016,Super Smash Bros. Wii U e Hearthstone.
Á hora de elixir os torneos, apuntan desde a organización, tiveron en conta o feito de que os “e-sports” son un xénero que está cobrando cada día máis representación mediática. “Cremos que é enriquecedor fortalecer a promoción de eventos dedicados a eles e recompensar aos seus usuarios nun ambiente de competitividade que, desde fai anos, leva xerando novas amizades e bonitos recordos a todos os participantes na nosa Lan Party”, comentan desde a organización. Polo que se refire aos concurso, haberaos de lanzamento de CD, de programación e de creación de pezas de “hama beads“. Tamén terá lugar unha charla de comunicación por radio que lles permitirá ás persoas interesadas adentrarse no mundo da radioafición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario