mércores, 13 de abril de 2016

A Galipedia suma voluntarios na universidade

A UVigo acolleu un Wikimararón para crear novos contidos nunha enciclopedia que xa suma 129.500 entradas.

Dende a súa creación en 2003 a Galipedia foi crecendo exponencialmente e na actualidade conta con 129.500 artigos. Deste xeito, a Wikipedia en galego vaise nutrindo de contidos grazas tanto aos usuarios rexistrados como a persoas anónimas de publican novos artigos ou editan e completan os existentes. Para continuar ampliando as fondos de información da enciclopedia virtual estanse a celebrar wikimaratóns pola xeografía galega, un deles este martes na Facultade de Filoloxía e Tradución, organizado pola comisión de Normalización Lingüística do propio centro. O obxectivo deste tipo de actividades é visibilizar esta ferramenta e achegala aos potenciais usuarios, para que coñezan o seu funcionamento e se poidan converter en editores de contidos. A xornada por presentada pola vicedecana Susana Rodríguez Barcia, que puxo en valor este tipo de recursos léxico-lingüístico que axudan “á normalización da lingua galega”.
A xornada comezou cunha introdución á Galipedia da man dun dos seus colaboradores, Miguel Anxo Solla, que amosou aos asistentes o funcionamento da ferramenta para poder publicar novos artigos ou editar os xa existentes e lles ofreceu as claves para redactar un bo contido. Xunto con Adrián Estévez, administrador da Galipedia, animou aos presentes a escribir sen medo, “con afouteza, porque sempre hai tempo de reverter os contidos” que, segundo lembraron, están sometidos a unha revisión en tempo real, evitando a publicación de información incorrecta ou non contrastada. Segundo Solla, un bo artigo é aquel que “cubre un oco existentes no relativo ao contido, ten un bo título, non se limita a unha entrada de dicionario, é comprensible, fácil de atopar e atractivo, diversifícase, desenvolve todos os aspectos dun mesmo tema, é neutral e imparcial, coa extensión apropiada para o tipo de información, é preciso e explícito, está categorizado e é verificable, incluíndo referencias, imaxes e ligazóns interlingüísticas”. Explicou tamén que a propia Galipedia ten un asistente de creación de artigos e un libro de estilo, así como unha guía para os que se queren estrear, tanto cun artigo de seu, como editando un xa existente. Tamén lembrou algunhas liñas vermellas que non se deben cruzar, como a publicación de artigos de autopromoción, xa sexa de persoas como de grupos, asociacións ou traballos ou o uso de contidos con dereitos de autor e recomendou especial coidado no tratamento de materias polémicos, “para o que debe primar un punto de vista neutral”. Os mellores artigos son recoñecidos cunha estrela amarela que aparece na páxina e na actualidade, a Galipedia conta con 63 entradas con esta distinción.
Galipedia ten 14 administradores e máis de 1.000 usuarios rexistrados
129.500 artigos e 14 administradores. Semella un labor inabarcable, pero Adrián Estévez é un deles e recoñece que se pode facer de xeito sinxelo. A publicación de artigos pódese facer de xeito anónimo ou como usuario rexistrado, sendo estes últimos os que levan preto do 90% do peso da actividade. De feito, arredor dun 35% dos artigos foron creados polos dez editores máis activos. A estes usuario rexistrados “presupónselle boa vontade e as súas edicións a penas precisan revisión”. Para o outro 10% de contidos están, non só os 14 administradores, senón que calquera usuario pode revisar os últimos contidos actualizados e comunicar posibles incorreccións ou imprecisións nos mesmos. Con todo, os administradores tamén se deben enfrontar a outro tipo de usuarios e “reverter os vandalismos para evitar os troleos”, que como explica Estévez van dende “loar con maldade unha determinada parroquia ou o equipo de fútbol, ata insultos a políticas/os ou descualificacións a cantantes”.
Na actualidade a Galipedia conta con 1000 usuarios rexistrados, do cales 25 editan contidos todos os días e outros 100 o fan dun xeito habitual. Sobre os contidos máis consultados, Estévez explica que adoitan ser xenéricos, por exemplo termos como Vigo e Coruña, lingua galega ou Galicia. A calidade dos contidos dun determinado tema tamén condicionan o número de visitas e, ao mesmo tempo, axudan a mellorar aínda máis a información. “Se non atopamos información de calidade, moitas veces recorremos á Wikipedia do español ou do inglés, pero se atopamos esa información en galego, non só a consultamos habitualmente, senón que contribuímos a mellorala, é un proceso de retroalimentación”. Outro aspecto que salientou foi a escasa presenza feminina en todas as wikipedias. En inglés, por exemplo, o 85% dos contidos teñen selo masculino e “en galego a porcentaxe é algo superior”, segundo sinala. A pesar de que se teñen realizado estudos tratando de buscar os motivos, non se chegou a unha conclusión clarificadora, polo que Estévez recomenda formación a través de actividades como os wikimaratóns para que o alumando, que é nativo dixital, se achegue á Galipedia dende a paridade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario