O vindeiro sábado 7 de maio terán lugar en Lugo as
II Xornadas de "Coeducar en igualdade", ao abeiro do convenio de formación asinado polo sindicato STEG coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

A actividade, que se desenvolverá en
horario de mañá e tarde no Salón de Actos do Parque Infantil de Tráfico
López Mella, e que ten solicitada a homologación por parte da
Consellería, contará con ponencias, obradoiros e debates arredor da
igualdade e da coeducación. Branca Nazaré Guerreiro, Lola Ferreiro e Mª
Luz González serán as ponentes desta segunda edición das Xornadas, que
aspiran a repetir o éxito de participación de hai dous anos, convertendo
a actividade nun punto de encontro de referencia para o profesorado.
Dende o STEG, que entre outros valores identitarios se caracteriza
polo feminismo, considérase que este tipo de actividades formativas son
fundamentais para combater dende o ensino público as actitudes,
comportamentos e intolerábeis feitos que se suceden na nosa sociedade a
cotío.
O prezo da matrícula é de 10 euros por persoa e pódese facer online na páxina web do sindicato:
www.steg.gal
Con esta actividade, o sindicato de traballadoras e traballadores do
ensino de Galiza pecha o ciclo formativo para este curso, que se iniciou
coas Xornadas de Innovación Educativa PALAVRAR A LINGUA, no Museo do
Pobo Galego en Compostela, hai dúas semanas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario