A Deputación
de Pontevedra vén de dar conta da actividade recente nos seus
viveiros de Lalín e Barro-Meis e, máis polo miúdo, das
vindeiras incorporacións a estes acubillos empresariais e de
innovación. Segundo fai saber a entidade que preside Carmela Silva,
a comisión seleccionadora dos viveiristas aprobou oito novas
iniciativas para ocupar espazos empresariais en ámbalas
instalacións, adxudicacións que sitúan a taxa de ocupación en
Lalín nun 80% e a de Barro-Meis nun 25%. Máis polo miúdo, para
Lalín aprobouse á empresa de Alberto Massa Calleja a adxudicación
da oficina número catro, estando o seu proxecto empresarial baseado
na preparación de oposicións en liña, pola vía dixital.
A súa iniciativa únese ás outras tres empresas xa
operativas. Estas tres firmas son Kuzunguka
APP Developers (que desenvolveu un dispositivo e unha aplicación
para localizar obxectos perdidos), Stoutic
Computing Technologies (que ofrece solucións de automatización
da xestión e comercio electrónico da empresa PEME, solucións TIC á
xestión empresarial e á actividade de mercadotecnia doutras
empresas) e a iniciativa empresarial de Inés Ferreiroa Louzao (que
ofrece un servizo de mediación e de resolución de conflitos para
evitar a vía xurídica).
No que respecta ao viveiro de Barro-Meis aprobouse a
instalación de sete novas empresas, cinco en oficinas e dúas en
naves: Certivedra Rehabilitación (adicada á construción e
rehabilitación enerxética de edificios, emisión de informes de
avaliación de edificios, certificados de eficiencia enerxética,
peritaxes e valoracións), Laura Santiago Fariña (formación,
asistencia e orientación socio-sanitaria no medio rural), Coperfruit
(adicada á comercialización, importación e exportación de
froitas), María Margarita Ferreira Pereira (asesoramento a persoas
que queiran desenvolver a súa actividade no medio rural), María
Margarita Ferreira Pereira (asesoramento ás mulleres profesionais e
emprendedoras que desenvolven a súa actividade no medio rural); e
para as naves, ás empresas de Avelino Tourís Fajardo (adicado á
comercialización de sal mariña natural atlántica 100 % sen
aditivos), e de Jorge Fontán Carballo (adicado ao transporte e á
distribución de mercadorías perecedoiras por estrada).
Ningún comentario:
Publicar un comentario