Un dos tópicos máis recorrentes en España é o de que o castelán é a lingua común.
Non son poucos os galegos e os españois que, por exemplo, se queixan do
empeño dalgúns parlamentarios en utilizar o catalán, o galego ou o
vasco cando se dirixen ás súas señorías desde a tribuna en Madrid. Por
que non se expresan en español, que todos compartimos? Moreno Cabrera
púxolle a este razoamento unha etiqueta inequívoca: nacionalismo lingüístico. Neste discurso, a cómoda situación do español é natural
e inevitábel, mentres os intentos que se dan nas distintas comunidades
lingüísticas distintas da castelá de superar a discriminación que
padecen os seus falantes constitúen unha empresa propiamente ideolóxica.
Dáse por suposto que a supremacía do español ten unha explicación
estritamente intralingüística –esta lingua sería tecnicamente superior– e
óbviase por completo o feito de que, en realidade, está determinada por
intereses nacionais moi concretos e, polo tanto, de forma claramente
extralingüística, é dicir, social, política e económica. O prestixio do
castelán non ten, na súa orixe, nada que ver coa gramática ou coa
literatura e si, pola contra, co poder político, militar, demográfico e
económico. O nacionalismo lingüístico levou en España a que, na
práctica, se negue o plurilingüismo. Por exemplo, cando non se admite,
porque o castelán é a lingua común, que un parlamentario galego
se dirixa na súa lingua aos seus compañeiros no Congreso dos Deputados. E
isto despois de case catro décadas de democracia!
Un galego que
viaxe por España pode ter unha experiencia curiosa. Se decide levar a
cabo unha concienciuda exploración de rúas, monumentos, museos e
exposicións nas fermosas cidades e vilas que existen no país vai darse
de conta de que non atopa xamais a máis mínima indicación en galego; si,
claro está, en español, pero tamén en inglés, francés, alemán e mesmo
en italiano ou en ruso, pero non en galego, nin tampouco en catalán ou
en euskera. Pero en realidade nin sequera é necesario saír da
casa para ver cousas rechamantes. Basta con consultar na internet os
distintos medios de comunicación españois. Hai acaso algún que, por
pórmos un exemplo, se faga eco das novidades editoriais galegas? A
historia, obviamente, non se pode cambiar, e hoxe os galegos somos
perfectamente competentes en lingua castelá. Podemos utilizar o español
sen problema ningún, pero vivimos nun Estado plurinacional onde moitos
aspiramos lexitimamente a que a nosa lingua teña un recoñecemento
institucional –non só en Galiza– que demostre a vontade xeral de inclusión. É dicir, os españois teñen que aprender a convivir coas distintas culturas nacionais dun xeito inclusivo.
Que nos museos de España –moitos dos cales son auténticas marabillas–
haxa letreiros e folletos en varias linguas agás nas propias de países
como Galiza resulta moi chocante e fai que moitos cidadáns se sintan
sumamente incómodos. Despois de todo, os galegofalantes tamén pagan
impostos! Como explicarmos que os xestores culturais españois amosen unha insensibilidade tan teimuda se non é acudindo ao concepto de nacionalismo lingüístico?
Dous
exemplos recentes ilustran a vixencia deste nacionalismo entre nós.
Así, o portavoz de cultura do grupo parlamentario popular no Parlamento
de Galicia negou, contra toda evidencia, que o galego teña unhas pésimas
perspectivas –evidencia constatada tamén hai pouco polo Consello de
Europa, que observa como en Galiza, particularmente no sistema
educativo, se incumpre a Carta europea das linguas rexionais ou
minoritarias– e cualificou de nacionalistas os defensores dunha
política lingüística alternativa, encaixando deste xeito no modelo
argumental descrito por Moreno Cabrera. Por outra banda, a sentenza do
TSXG que anula parcialmente a Ordenanza de uso do galego na
administración municipal de Lugo tamén reflicte, no fondo, a vitalidade
do nacionalismo lingüístico español. A norma, aprobada por unanimidade
en 2012, é expresión dun consenso político a prol dunha discriminación
positiva necesaria para frear o devalo da lingua galega no actual
proceso de bilingüización forzosa. Estivo vixente durante varios
anos sen que se soubese que ningún cidadán fose prexudicado en ningún
dos seus dereitos. Pero o carácter común do español non pode ser
cuestionado nin de lonxe. Tamén é certo que, co paso das xeracións, a
lingua castelá acabou sendo considerada como propia por moitísimos
cidadáns. Esta páxina da nosa historia xa está escrita. De nós depende
agora crear as condicións para que, dentro e fóra de Galiza, a lingua do
país volva ter un futuro.
Este comentario foi eliminado polo autor.
ResponderEliminarFonte: http://lauxacpraza.tumblr.com/post/142280329792/a-lingua-común-do-nacionalismo-lingüístico
ResponderEliminar