venres, 8 de abril de 2016

Non é país para ter fillos e fillas

Galicia é unha das comunidades cunha taxa de natalidade máis baixa (7,2 nacementos por cada mil habitantes), só por detrás de Asturias (6,3). E, de igual xeito, é un dos territorios máis avellentados de España, cunha idade media por riba dos 46 anos (46,24), só inferior á de Asturias (47,24) e Castela-León (46,5). Dende hai anos sinálase este envellecemento (agravado pola escasa chegada de inmigrantes e aumento da emigración de mozos e mozas) como un dos grandes problemas que a sociedade galega deberá enfrontar nas vindeiras décadas. Porén, as medidas políticas e económicas adoptadas para revertelo seguen sendo moi cativas e insuficientes.
As dedución ofrecidas por Galicia son inferiores ás que achegan Castela-León, Euskadi ou Madrid, pero -iso si- sitúanse por riba da media do conxunto de autonomías
Isto pódese ver, unha vez máis, nos beneficios fiscais ofrecidos pola Xunta aos galegos e galegas que se deciden a concibir un fillo ou filla ou a adoptalo. Estas deducións que se poden aplicar á hora de presentar a declaración do IRPF son inferiores ás que achegan Castela-León, Euskadi ou Madrid, pero -iso si- sitúanse por riba da media do conxunto de autonomías. En realidade, o escaso apoio existente en España contrasta coa situación de boa parte de Europa e chama a atención, tendo en conta que os problemas de envellecemento que presenta Galicia son comúns a todo o Estado.
En concreto, nesta nova campaña da renda, que comezou este mércores, no caso dos fillos e fillas nacidas en 2015, a dedución é de 300 euros (con ingresos superiores a 22 mil euros) e 360 euros con ingresos inferiores a esa cantidade. A mesma contía ten a dedución no caso de adopcións. A cantidade pódese incrementar nun 20% para os e as residentes en concellos de menos de 5.000 habitantes e nos resultantes de fusión. E, de igual xeito, a contía increméntase notablemente se se trata do segundo fillo ou filla (1.200) ou do terceiro ou terceira (2.400). A dedución para familias numerosas sitúase entre os 250 e os 400 euros. Tamén se poderán deducir o 30% das cantidades aboadas por deixar fillos e fillas ao coidado dunha persoa ou en escolas infantís, cun límite máximo de 400 euros, 600 euros se teñen dous ou máis fillos. Deben traballar os dous proxenitores e as súas bases impoñibles deben ser inferiores a 22 mil euros (en declaración individual) ou 31 mil euros (en declaración conxunta).
Se observamos as deducións ofrecidas por outras comunidades autónomas nesta campaña da renda, vemos como Castela-León (710 euros polo/a primeiro/a fillo/a (1.475 polo/a segundo/a e 2.351 polo/a terceiro/a) realiza un esforzo máis importante que Galicia, o mesmo que Madrid (600 euros polo 1º, 750 polo 2º e 1.200 polo 3º) e Euskadi (585 euros polo 1º, 724 polo 2º e 1.223 polo 3º). No resto de España atopamos comunidades que ofrecen deducións por nacemento ou adopción algo inferiores ás galegas (Cataluña, Comunidade Valenciana, Canarias...), moi inferiores (Castela-A Mancha, A Rioxa, Aragón...) ou que, directamente, non presentan estes beneficios (Estremadura, Murcia, Cantabria, Navarra, Andalucía, Asturias ou Baleares).
Tamén varían as axudas que se ofrecen para o pagamento das escolas infantís (de 0 a 3 anos). Dende o máximo de 1.642 euros que ofrece Castela-León ata os entre 400 e 600 de Galicia, os 400 de Canarias, os 330 de Murcia e Asturias, os 270 da Comunidade Valenciana ou os 250 de Aragón. En Estremadura se pode deducir ata un 10% deste gasto. Andalucía, Baleares, Cantabria, Castela-A Mancha, A Rioxa, Cataluña, Madrid, Navarra ou Euskadi non ofrecen deducións por este concepto.
Comunidade Valenciana ofrece unha dedución por conciliación do traballo coa vida familiar e Castela-León presenta unha dedución por paternidade
Algunhas comunidades presentan outro tipo de beneficios fiscais para as persoas con nenos e nenas pequenas. Destaca, por exemplo, o caso da Comunidade Valenciana, que ofrece unha dedución por conciliación do traballo coa vida familiar, ata un máximo de 418 euros para as nais que traballen fóra da casa por cada fillo ou filla menor. Valencia ofrece tamén unha dedución de 153 pola realización por un dos cónxuxes de labores non remunerados no fogar. Por outra banda, Castela-León presenta unha dedución por paternidade para o aproveitamento do período de suspensión do contrato de traballo do permiso de paternidade; a contía máxima: 750 euros.
Áraba ofrece unha dedución de 335 euros por cada fillo/a menor de 6 anos e de 52 euros por cada fillo/a entre 7 e 16 anos
Cómpre salientar, igualmente, que Áraba ofrece unha dedución de 335 euros por cada fillo/a menor de 6 anos e de 52 euros por cada fillo/a entre 7 e 16 anos. Así mesmo, Cantabria (100 euros) e Andalucía (50) ofrecen pequenas deducións por cada neno ou nena menor de tres anos.
Ademais, algúns territorios buscan axudar as familias numerosas con deducións de ata 500 (tres fillos) ou 1000 (catro ou máis), coma no caso de Asturias, e algo inferiores en Canarias (entre 400 e 600), Comunidade Valenciana (entre 300 e 600), Galicia (entre 250 e 400), Castela-A Mancha (entre 200 e 400) ou Madrid (un máximo do 10% do treito autonómico do IRPF).

Grandes diferenzas con outros países de Europa

Á dedución de 300 euros podemos sumar o cheque bebé anunciado por Alberto Núñez Feijóo no derradeiro debate de política xeral da lexislatura: un pagamento de 100 euros mensuais para os fillos e fillas nacidas no ano electoral de 2016
Aos 300 euros ofrecidos por cada nacemento e adopción, e o máximo de 400 para o pagamento de escolas infantís, podemos sumar o cheque bebé anunciado por Alberto Núñez Feijóo no derradeiro debate de política xeral da lexislatura: un pagamento de 100 euros mensuais para os fillos e fillas nacidas no ano electoral de 2016. Achegas moi reducidas se as comparamos cos gastos aos que debe facer fronte unha familia que acaba de ter un pequeno ou pequena (ao redor de seis mil euros, segundo datos da Federación de Usuarios y Consumidores Independientes). E tamén, se as poñemos en relación coas que ofrecen outros países de Europa, como Alemaña, Francia, Reino Unido, Suecia...). En calquera caso, de seguro que o cheque-bebé resulta máis efectivo que calquera campaña publicitaria para fomentar a natalidade, coma a que en 2014 contratou a Xunta por 600 mil euros.
Ademais dos beneficios económicos, outro factor non menos importante é o da conciliación laboral, os horarios ou os permisos de maternidade e paternidade, aspectos nos que España tamén se sitúa moi lonxe doutros países da súa contorna
Ademais da axuda ofrecida este ano pola Xunta, o Estado central ten unha asignación económica por fillo/a menor de 24,25 euros mensuais (291 euros anuais) para familias con rendas inferiores aos 11.519 euros por ano, a segunda máis baixa da Eurozona, só despois de Grecia. A media dos 28 sitúase en 98 euros ao mes para o primeiro fillo ou filla, destacando os 184 euros de Alemaña, os 130 de Irlanda os 118 de Suecia ou os 107 do Reino Unido. Noutros países, ademais, a achega crece no caso do segundo, terceiro e sucesivos menores ao cargo.
Ademais dos beneficios económicos, outro factor non menos importante é o da conciliación laboral, os horarios ou os permisos de maternidade e paternidade, aspectos nos que España tamén se sitúa moi lonxe doutros países da súa contorna. As baixas pagadas por maternidade chegan ata as 16 semanas en España, ás que se suman outras dúas semanas de baixa por paternidade. En Alemaña, a situación é ben distinta: a baixa laboral por maternidade co 100% do salario é de 14 semanas, pero a ela hai que sumar unha baixa dun ano de duración co 67% do salario para a nai e outra da mesma duración e condicións para o pai. Suecia, Austria, Reino Unido, Noruega ou Dinamarca tamén ofrecen baixas retribuídas dun ano de duración. E, por exemplo, no caso de Suecia o permiso de paternidade (de igual duración que o da nai) non é transferible. Sen esquecer, ademais, as importantes redes de gardarías públicas e gratuítas que ofrecen moitos destes países.

Ningún comentario:

Publicar un comentario