xoves, 7 de abril de 2016

Manuel María en Monforte

Recuperamos artigos feitos en momentos chave da biografía de Manuel María, neste caso un de 1999.

Non era unha cidade, aquela, precisamente consciente da sua verdadeira natureza galega. Monforte tivera a sua idade de ouro económica coa estación do Ferrocarril e o Depósito onde se arranxaban máquinas e vagóns. Isto trouxo moita xente de fóra e axudou a introuducir esa paiola admiración polo alleo. O acento dos ferroviários apampaba. Logo, cando isto desapareceu, Monforte converteu‑se outra vez nunha pantasma.

Tivo unha vida medieval intensa, con relacións de verdadeiro heroísmo dos primeiros condes de Lemos ao se enfrontaren cos reis chamados “Católicos” naqueles anos de terror. O VII conde, D. Pedro Fernández de Castro, e a sua muller, Catalina de la Cerda, encheron a cidade de monumentos que se sumaron aos que xa construiran os seus devanceiros (o cardeal D. Rodrigo ou D. Rodrigo Enríquez de Castro). O pouco que quedaba do románico destruiron‑no as autoridades no século XIX.

Pero nada disto aprenderíamos os da nosa xeración cando estudábamos. As forzas vivas monfortinas non se chufaban desta história e poñian a sua admiración nas mesmas terras do Val de Lemos, non polos tesouros próprios que gardaban, senón polo parecido que tiñan coas de Castela: terras chas verdes ou vermellas, secas, coas suas envexadas “colinas”; pouco arboredo ; construcións de adobe ou cachote e monumentos “que se parecen al Escorial”. A isto, logo, uniu‑se o dos ferroviários que viñan de fóra e asi se completou o cadro da asimilación. Contan‑no moi ben os novelistas monfortinos António Rodríguez en “As relíquias”, e Manolo Veiga en “As ruínas da cidade amada”. A sua visión de etapas históricas distintas levou‑nos a significá‑lo moi graficamente con esas palabras: “relíquias” e “ruínas”.

Esta era a cidade que un dia, polo ano de 1958, recebeu a Manuel Maria. A compañeira, Saleta Goi, chegaria meses despois, ao casar. Traían eles outras miradas e sentires. Comezaron a coñecer as xentes monfortinas e as suas encantadas paisaxes. Obviamente, as visións chocaron. Non é o mesmo xogar coa história aprendida lonxe dos manuais oficias e co amor a unha cultura diferente que coa ignoráncia acompañada do pré‑xuízo. A parella comezou a resultar‑lles molesta aos sectores máis reaccionários da cidade. Mais esa amoladura tamén se acompañaba dunha certa admiración e respeito. A coeréncia, apesar das dificuldades, mantiveron‑na sempre os nosos amigos e isto recoñecia‑o até o inimigo máis embrutecido (en Monforte habia moitos).

Pero nacian outras xeracións que se educaban na académia Balmes que dirixia o grande matemático D. Xulián Garcia, ou na académia Monforte, das que era profesor de Literatura Manuel Maria. Os mozos e mozas daquela época (anos 60 e 70), surprendiamo‑nos nas suas clases polas cousas que lle ouvíamos e que nengun profesor máis dicia. Con el fomos descobrindo un País agachado no que vivíamos, unha literatura própria que xamais imaxinaríamos, o amor pola leitura e especialmente pola poesia, unha forma de pensar que contrastaba coa que xa tiñamos asimilada. E a xente de Monforte, despois, dispuxo dunha tenda e libraria na que comprobou e aprendeu como o noso idioma se podia normalizar até facé‑lo útil para calquer mester. A partir daqui, a cidade recuperou aqueles anos da República na sua perspectiva nacionalista, pero xa con outra dinámica e máis completa teorización. Naceron, asi, asociacións culturais e formacións sociais que lle devolveron ao Val de Lemos as raíces que o povo mantiña na pré‑consciéncia.

Podemos dicer, pois, que a cidade comezou a rebulir e a buscar‑se. Deixou cicatrices, mais estas xa se puderon repartir entre os próprios valegos e valegas. Manuel Maria e Saleta, e xa outros nativos dali, foron multados en diversas ocasións, criticados até a irracionalidade, abourados. Non hai cámbio que non produza a convulsión e a vítima. Unha vez, cando xa a ditadura comezaba a podrecer, a policia personou‑se na casa do noso poeta para levá‑lo. Cachearon a casa inteira até topar un manuscrito seu. Puxo‑se teimudo e dixo que aquel libro non saía da casa de nengun xeito. E deixaron‑no. Mais el foi á comisaria.

Recentemente, os nosos amigos, ao se xubilar, mudaron o seu domicílio para A Coruña. Sempre que isto ocorre, quen cámbia os horizontes fai o libro índice do que foron os seus feitos. Facemo‑lo nós tamén e vemos que a rosa que trouxeron  viva segue na nosa cidade valega. Houbo tristura popular coa sua marcha, e sentidos homenaxes. Tamén un valeiro que segue aí, como un niño oco que permanece (a libraria Xistral xa non é a mesma). A cidade declarou a Manuel Maria Fillo Adoptivo e aprobou o seu nome para lle dar a unha rua. Chama‑o repetidamente para diversos actos. Ao final, isto é o que queda, xusto, desde logo, pois o Índice enche moitas páxinas de ouro, con libro de poemas ao Val de Lemos e outros moitos que son as follas  máis fermosas desa árbore que foi medrando poderosa na capital do amplo e vizoso Val, outra Terra Cha, outra Terra Cha galega. 

LOIS DIÉGUEZ Monforte, Abril 1999 

Ningún comentario:

Publicar un comentario