Terá lugar a quinta feira (xoves) 14 de abril ás 12h na Praza de Galiza da Coruña
A plataforma
cidadá Queremos Galego, composta por máis de 600 colectivos sociais de
todo tipo, anunciou hoxe novas mobilizacións contra a sentenza do TSXG
sobre a ordenanza de uso do galego en Lugo, que eliminou algúns aspectos
fundamentais como o dereito da cidadanía a recibir atención en galego
por parte de servizos contratados pola administración a empresas
privadas.
Tras
a convocatoria que xa tivo lugar diante do concello de Lugo o pasado 14
de marzo en apoio á ordenanza aprobada por unanimidade no pleno,
Queremos Galego convoca para a quinta feira, 14 de abril ás 12h, unha
concentración diante da sede do TSXG na Praza de Galiza da Coruña contra
unha sentenza que, segundo indicou o portavoz da plataforma cidadá,
Marcos Maceira, “ataca o uso do galego na administración municipal e nos
servizos básicos privatizados” e “é un intento de provocar por vía
xudicial o retroceso en dereitos lingüísticos que a sociedade galega
está a impedir na vía política”.
O portavoz de Queremos Galego lembrou que a sentenza do TSXG elimina o
dereito a utilizarmos o noso idioma con absoluta normalidade e a sermos
atendidos e informados en galego en servizos privatizados. Ademais a
sentenza suprime o artigo que declara o galego como lingua propia e
oficial de Lugo por non estar subordinada ao castelán, e vir definida
como lingua plena e de pleno dereito; elimina a rotulación en galego de
oficinas e despachos, a sinalización viaria, o carácter normalizador das
axudas e subvencións, ou cousas tan evidentes como a existencia dun
ámbito lingüístico galego.
Esta convocatoria diante da sede do TSXG de rexeitamento á sentenza
contra a ordenanza de uso do galego en Lugo, estará acompañada dunha
campaña que terá como acto central a manifestación nacional convocada
para o 17 de maio en Santiago
Ningún comentario:
Publicar un comentario