Xa temos
na nosa lingua a nova versión do escritorio Gnome, a edición 3.20.
A localización (que cobre o 100% do código) foi unha realidade
grazas ao traballo voluntario e desinteresado do equipo galego de
tradución de Gnome. A
nova foi dada a coñecer a finais de marzo e segundo reflicte a web
de Mancomún, “completa o ciclo de desenvolvemento que supuxo unha
continuación do traballo iniciado na anterior publicación”.
Sinalar tamén que esta achega de tradución achega, en palabras do
dito equipo, outros puntos especialmente relevantes. Non só polas
melloras e novidades introducidas no propio software con esta versión
3.20, senón tamén polo nivel de tradución acadado, que como
dixemos foi do 100% e que inclúe novas aplicacións presentadas
nesta publicación, “todas cumprindo cos últimos acordos de
terminoloxía publicados polo Proxecto Trasno”.
O equipo ceibou
(poñéndoos a disposición pública) os recursos lingüísticos en
galego de Gnome 3.20 baixo a licenza Creative Commons BY-SA 3.0. O
grupo tamén aproveitou o lanzamento para convidar á comunidade a
botar unha man para traballar na revisión e actualización da
documentación base dos aplicativos. Neste senso, o equipo lembra que
conta cunha serie de manuais de introdución aos procedementos de
tradución de Gnome para orientar aos novos colaboradores.
Polo que respecta á
versión 3.20 do escritorio e as características que introduce,
informar que é o resultado de medio ano de traballo da comunidade
internacional que impulsa esta contorna libre e que contén novidades
a xeito de axustes, melloras e funcións a estrear. En total, esta
publicación incorpora 28.933 cambios realizados por 837
contribuidores. Entre as melloras máis salientábeis inclúense as
seguintes: xanelas de atallos de teclado, soporte para Wayland (a
nova tecnoloxía para gráficos e pantalla en GNU/Linux), controis de
edición fotográfica, acceso rápido para controis multimedia,
renovación do administrador gráfico de ficheiros e do calendario e
introdución de Aplicación Maps 3.20 con soporte para etiquetado de
puntos de interese sobre OpenStreet Map, entre outras moitas cousas.
O código fonte está dispoñíbel de balde para a súa descarga e
redistribución.
Ningún comentario:
Publicar un comentario