mércores, 6 de abril de 2016

COMPOS3D, para fomentar a educación en valores medioambientais

Concello e Universidade de Santiago, ademais da empresa Ferrovial, poñen en marcha este concurso de modelado 3D, no marco da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente.

O Concello e a Universidade de Santiago, ademais da empresa Ferrovial, veñen de poñer en marcha o concurso COMPOS3D de modelado 3D a partir de fotografías, co obxectivo de fomentar a educación en valores medioambientais. O certame enmárcase nas actividades de celebración na cidade do Día Mundial do Medio Ambiente, e está dirixido a estudantes de entre 14 e 17 anos.

Convocatoria do concurso COMPOS3D
Convocatoria do concurso COMPOS3D | Fonte: USC.
 
No concurso, promovido polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) e o grupo de investigación D3MOBILE, da USC, poden participar equipos formados por un alumno e o seu profesor, de calquera centro de ensino regrado de Galicia. Os profesores poderán formar parte de distintos equipos, tutelando a cantos estudantes desexen, segundo informa a propia universidade.
Botando man de instrumentos tan familiares para os mozos como un teléfono móbil, unha tablet ou un ordenador, os participantes realizarán un modelo 3D virtual a partir dun obxecto da súa contorna. Tamén terán que elaborar un vídeo do modelo, que poderá ser editado.
O 2 de maio remata o prazo para presentar os traballos, que serán valorados pola súa creatividade, orixinalidade, calidade e beleza, así como polo grao de vinculación coa temática do medio ambiente.
Premios
O concurso COMPOS3D establece catro premios, dous para os mellores equipos de centros de Santiago e outros dous para os de Galicia, consistentes en dúas tablets (unha para o alumno e outra para o profesor). Ademais, para os dous centros educativos —de Santiago e Galicia— que acaden en conxunto unha maior puntuación sumando as dos seus equipos adscritos haberá unha impresora 3D. 
Compostela, pioneira 
Coa organización deste evento, Compostela convértese na primeira cidade en utilizar o modelado 3D a partir de fotografías como ferramenta para o fomento da educación en valores ambientais. Trátase da mesma formulación que ten calquera concurso de fotografía, vídeo, pintura, narración, etc., pero en lugar de utilizar eses soportes, os participantes utilizarán o modelado 3D, unha técnica que está a converterse nunha potente ferramenta de rexistro de información que xa utilizan diariamente moitos escolares, universitarios e profesionais en todo o mundo. 

COMPOSfoto 2016 
Por outra banda, aínda permanece aberto (ata o 13 de maio) o prazo para inscribirse no concurso COMPOSfoto 2016, organizado polas mesmas entidades e coa fotografía como técnica a utilizar para o mesmo fin. Os estudantes inscritos nos dous certames poden aproveitar os coñecementos adquiridos en modelaxe 3D para competir en ambos os dous concursos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario