O colectivo contrario a normalización do galego carga contra a TVG por
supostamente censurar o español nas entrevistas que fan os xornalistas
nas rúas para pulsar a opinión pública. Galicia Bilingüe explica, nunha
nota só en castelán, que a "TVG prohíbe aos seus entrevistadores
recoller a opinión de persoas que falen en español".
O colectivo que dirixe Gloria Lago relata un suposto incidente, na que
unha xornalista da pública espetoulle un "enérgico en galego" a unha
señora. A denunciante asegura que comezara a responder en español, por
sentirse máis cómoda, cando a informadora a abordou na Rúa Real da
Coruña para unha entrevista sobre os menús de Nadal.
Galicia Bilingüe di que non é a primeira queixa sobre a suposta
imposición do idioma aos entrevistados no ente público. Como é
habitual, este grupo de presión salienta que a suposta imposición
lingüística exércese sobre todo entre os cativos e pide a Secretaría
Xeral de Política Lingüística que tome cartas no asunto.
A TVG non reaccionou polo de agora a acusación do colectivo contrario á
promoción do galego. Tampouco a Xunta fixo ningunha valoración ao
respecto. Como calquera que siga a Radio Galega ou a TVG sabe, é común
que os presentandores salten ao español cando teñen que entrevistar a
xente de fóra de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario