Dúas curtametraxes dirixidas por estudantes, sitúan a realidade sociolingüística da Galiza no punto de mira do audiovisual. Conversamos con Andrea Maseda e Daniel Villaverde autora e autor de dúas pezas audiovisuais que xa fixeron ferver as redes sociais.
Bilingüismo cordial de Daniel Villaverde e Verbas de Andrea Maseda son dúas pezas promovidas por estudantes de Comunicación Audiovisual. Con elas, a autora e o autor quixeron aproximarse á realidade sociolingüistica do país e situar no punto de mira dos seus obxectivos o conflito lingüístico que atinxe Galiza.Desde dúas ópticas ben diferentes --mais cun eixo temático común-- Villaverde e Maseda explican para Sermos Galiza as razóns que @s levaron a dirixir estas curtametraxes que xa fixeron ferver as redes sociais.
Andrea Maseda é alumna do Grao de Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña. Esta moza, directora de Verbas, recoñece que "levaba tempo querendo facer algo que versara sobre a nosa lingua" e aproveitou un "concurso sobre curtas sociolóxicas" para porse mans á obra.
"Escollín a lingua galega como tema porque creo que actualmente o galego está a pasar por un momento no que a lei non lle pon o camiño fácil para a supervivencia", explica a autora. Neste senso, sentiu "que era a miña obriga facer o que estivera nas miñas mans para axudar á defensa, a divulgación e á dignificación" da lingua propia do país. Así, xurde a idea de Verbas, unha peza de 4:00 minutos na que unha "morea de xente" pon "cara e voz" a ducias de palabras galegas.
Verbas con orgullo face o autoodio
Miñoca, xermolo, cogumelo, queixo, cóxegas, xoaniña... A través do diálogo d@s protagonistas, Andrea Maseda quixo "achegar a lingua no seu día a día", explica, "quero que o espectador se sinta recoñecido como se fora un máis das persoas que falan nela". Así, válese de verbas do común e frases feitas para "reflectir que moitos galegos falantes estamos orgullosos de empregar a nosa lingua a cotío, que nos gusta dicir cóxegas, bico...", afirma. Para a autora, esta foi unha boa maneira de "evitar ese autoodio que as veces os propios galegos teñen sobre a súa lingua" e contribuír "aínda que só for unha miguiña" a combater "todos eses prexuízos que existen sobre o noso idioma".
Prexuízos dos que fala Daniel Villaverde en Bilingüismo cordial. A súa curtametraxe é máis explícita e crúa do que a de Maseda. "Decidín facela porque me sinto ofendido pola perversión da realidade lingüística que se está querendo impoñer en Galiza" e así, afirma, "sinalar aos que agochan o lixo da discriminación lingüística baixo a alfombra do bilingüismo cordial".
A harmonía lingüística dun conflito
A de Villaverde é unha curtametraxe "cargada de simbolismo" desde o comezo mais tamén moi clara na mensaxe que quere transmitir o seu autor. "Dende hai uns anos un sector da sociedade galega (e tamén da española) empeñouse en frear calquera progreso da lingua galega denunciando unha surrealista imposición e argumentando que iso supoñía eliminar a paz lingüística", sinala.
Ese "bilingüismo cordial" que dá título a unha curtametraxe de perto de 5:00 minutos visa reflectir como "a hipocrisía desa tiranía lingüística que, non satisfeita con asoballar o galego, pretende pasar aos castelanfalantes por vítimas dunha imposición ficticia", salienta Villaverde.
Neste senso, afirma que elixiu "o contexto da entrevista laboral porque é un ámbito moi correcto, amable e pulcro, e precisamente unha vez que retiramos a carauta do politicamente correcto observamos unha realidade desagradable e violenta". Unha realidade, asegura, cargada de "prexuízos" que embora poder semellar "ridículos ou propios doutra época" continúan "interiorizados por moita xente".
E face ao "negacionismo" daquelas persoas que para o autor "din que existe igualdade de dereitos" entre galego e español --como acontece no filme-- o autor é claro: "que proben a vivir en galego" a "ir ao cine a ver un filme dobrado ao galego", ou a "acender a televisión ou a radio e comparen o número de canles nun ou noutro idioma", que "observen en que lingua reciben as facturas" ou oullen para "os escaparates das tendas ou os menús dos restaurantes a ver cantos están en galego...".
"Un idioma só ten sentido se grazas a el nos comunicamos"
Andrea Maseda e Daniel Villaverde partillan formación, país e lingua. Mais tamén, partillan unha mesma interpretación da realidade que lles tocou vivir. "Tanto no país como no audiovisual considero que a situación lingüística é deprimente", sinala Villaverde. "A lei non protexe a lingua senón ao contrario, todas as melloras lingüísticas están a padecer un retroceso toda vez que moitos galegos abandoan o idioma, sobre todo nas cidades", acrecenta Andrea Maseda.
Así, amb@s coidan que é a normalización de usos e a recuperación de espazos a que permitirá á lingua galega recuperar a súa presenza social. "Un idioma só ten sentido se grazas a el nos comunicamos", sentencia Daniel, "non se debe “conservar” como se fose unha peza de museo que se saca á luz con motivos folclóricos, debe estar na rúa, nas bocas da xente", sinala.
Mais ese é un traballo colectivo, apunta Andrea, "todas as persoas deberíamos contribuír a un maior recoñecemento e potenciación da nosa lingua", non chega, di, "con ter unha actitude conformista" pois "o galego non ten que limitarse a seguir vivo, senón a ter unha vida activa".
Ningún comentario:
Publicar un comentario