Son, en total, 244,7 millóns os que o departamento de Jesús Vázquez entrega a colexios concertados, tamén a aqueles que segregan o alumnado en función do sexo e vinculados ao Opus Dei. Os recortes a respeito das contas do exercicio anterior afectan todas as partidas, tamén á prevención do fracaso escolar. Os dados valorounos en conferencia de imprensa Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-Ensino.
2.080 millóns de euros, 20 menos que en 2013, 170 menos que en 2012, 183 menos que en 2011 e 680 menos que en 2009. Dese montante total, 244,7 millóns financiarán colexios privados. Son as contas que a consellaría de Educación aprobou para o ano 2014 e que seguen a folla de ruta privatizadora e abren máis aínda a fenda entre quen ten acceso ao ensino e quen ficará fóra.Desde que o PP chegou á Xunta os orzamentos da educación pública reducíronse un 33,5%, situándose o gasto total nesta materia por volta do 20,86% fronte ao 28% dos anos 2007 ou 2008. O departamento de Jesús Vázquez recorta... en todo. Até na partida destinada á prevención do fracaso escolar, que cae 0,8% a respeito de 2013 e que o ano pasado caera xa un 5,3% a respeito de 2012. Aliás, fomenta os chamados 'contratos-programa', centrados na produtividade dos centros de ensino e non na calidade nin na atención á diversidade.
Que partidas orzamentarias minguan e canto?
Redúcense os gastos de persoal case no 1,5% mais non se recortan aqueloutros referidos ao persoal eventual da consellaría --empregad@s colocad@s polo Goberno--, que xa viran medrar o seu orzamento un 27% en 2013. Tamén se recorta na formación do profesorado, destinando unicamente 4€ anuais a cada docente. Malia a sentenza que obriga á consellaría a garantir o recoñecemento médico ao persoal docente, só se contempla unha partida de 7.617 euros a prevención de riscos, a mesma cantidade de exercicios pasados, cando non se prestaba o recoñecemento médico.
Máis dados. De cada 100 prazas sen cubrir só sairán a concurso público 10. Porén, gastaranse 27,7 millóns en contratar docentes de relixión católica. Construiránse dous centros novos e faranse obras de mellora en nove durante todo o 2014. A partida destinada ao fomento da leitura cae un 93%. Máis do 50% do alumnado non terá dereito a libros de texto gratuitos ao minguar o orzamento máis do 25% a respeito de 2013. E o orzamento destinado ao fomento da nosa lingua baixa outro 5%: pasou dos 19,8 millóns de 2009 aos 7,09 previstos para 2014.
Medra algunha partida orzamentaria?
Si, aquela destinada aos colexios privados, vinculados na súa maioría ao Opus Dei e segregando algúns deles o alumnado por razón do seu sexo. No concreto, o centro concertado Las Acacias, en Vigo, verase beneficiado cun novo ciclo superior de FP, o de Integración Social, o mesmo que a consellaría denegou a varios centros públicos de Pontevedra.
Hai outra partida que beneficiará o ensino privado: a pensada para "favorecer a participación activa dos centros privados na mellora das competencias lingüísticas", segundo o texto dos orzamentos. É dicir, que namentres o fomento da nosa lingua se reduce outravolta e perde o 5% dos cartos, os concertados ven medrar nun 50% o desembolso que a Xunta fai para que o seu alumnado mellore as destrezas lingüísticas.
Primeira oferta de emprego en Secundaria desde 2010
A consellaría de Educación anunciou esta cuarta feira unha oferta pública de 100 prazas para ensino secundario. Anxo Louzao, secretario xeral de CIG-Ensino, aproveitou a conferencia de imprensa en que valorou os dados dos orzamentos antes debulaldos para cualificar tal oferta de "ridícula e case insultante" tomando en consideración que desde 2009 Jesús Vázquez destruíu máis de 3.000 empregos de docentes, houbo máis de 4.000 xubilacións e non convocou oposicións desde 2010.
"O que pretende é lavar a cara perante as necesidades que teñen os centros xustificando que hai oferta de emprego após catro anos sen ela", sinalou o sindicalista. Louzao valorou os orzamentos de 2014 sinalando que "afondan no desmantelamento do ensino público, atentan contra o acceso universal á educación, atrancan a igualdade de oportunidades e poñen en perigo até a escolarización obrigatoria, que será deficitaria".
Ningún comentario:
Publicar un comentario