O caso denunciado non é o único; na última lista de desestimados hai doce casos de galegos rexeitados polo idioma do seu certificadoA afectada, que prefire non facer declaracións públicas, puxo en coñecemento da Mesa o seu caso, pero non sucede así noutras moitas situacións idénticas que non son denunciadas. "Sorprendeunos comprobar nas listaxes oficiais que hai moitos máis casos nos que o Ministerio denega a bolsa por non acompañar o certificado en castelán, pero non foron denunciados", aclara Carlos Callón, presidente da entidade.
"O certificado de estudos presentado telematicamente non está redactado en español ou inglés (artigo 22.4.c)", argumenta na súa carta o Goberno central ao pedir á afectada que subsane este erro (sic), tal e como se pode comprobar no documento ao que tivo acceso Praza. Tal e como aclara a Mesa, noutros casos semellantes o Estado asume a súa equivocación logo de que os implicados lle advirtan da lexislación vixente e da oficialidade da lingua galega. No entanto, nesta ocasión, esta mesma alegación non lle serviu de nada a unha estudante que quedou sen a bolsa predoutoral.
Na última lista de solicitudes de bolsas predoutorais, hai corenta casos nos que o motivo do rexeitamento alude ao mesmo artigoPero hai moitos máis casos. Na listaxe da proposta de resolución de desestimados na Convocatoria de axudas para contratos predoutorais para a formación de doutores 2013 do pasado 31 de outubro, que puido comprobar Praza, 40 deles foron rexeitados polo incumprimento do artigo 22.4.c, o que fai referencia á lingua do certificado de estudos. Doce deles son galegos, pero o resto cataláns ou vascos, razón pola que A Mesa xa se puxo en contacto con entidades de defensa do idioma propio de Cataluña e Euskadi para levar a cabo algún tipo de acción conxunta, mesmo recorrer ante a xustiza.
A Mesa dirixiuse aos reitores das tres universidades galegas "para que tomen cartas no asunto" ante "unha discriminación gravísima"Ademais, A Mesa vén de dirixirse aos reitores das tres universidades galegas "para que tomen cartas no asunto" porque, segundo denuncia a entidade, "estanse a poñer en cuestión" as propias institucións universitarias, que son as que expeden os seus certificados en galego, que si son aceptados, tal e como lembrou o colectivo, noutras administracións americanas e mesmo en Holanda. Porén, o Estado exixe que o título estea en castelán ou, no seu caso, en inglés.
A Mesa denuncia tamén que, ante "unha discriminación gravísima como esta, nin a Xunta nin o propio Ministerio de Economía teñen reaccionado". Ante este silencio, a entidade dirixirase a este mesmo Ministerio, así como aos deputados galegos con representación no Congreso dos Deputados, para que exixan explicacións sobre o caso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario